O Museo do Pobo completará cos novos espazos o percorrido pola historia galega

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Inauguran as obras de mellora da ala sur de San Domingos de Bonaval

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Pobo Galego contará con 1.600 metros cadrados máis de superficie despois do acondicionamento da ala sur de San Domingos de Bonaval. Parte destas novas dependencias inauguradas onte estarán centradas en ofrecer un percorrido pola historia contemporánea de Galicia e, deste xeito, completar o plan museográfico deseñado pola institución que deu os seus primeiros pasos no ano 1976.

PACO RODRÍGUEZ

«Hoxe é un dos días bos que tivemos ao longo destes case 45 anos. O primeiro foi a formación do padroado, despois a concesión por parte do Concello dun espazo para o museo; o terceiro, a inauguración; e, agora, este último, que agardo que non derradeiro, vai permitir case duplicar a superficie útil e completar o programa museográfico coas salas da historia de Galicia», destacou Justo Beramendi, presidente do padroado do museo, durante o acto no que participaron, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

PACO RODRÍGUEZ

As obras de mellora, que se prolongaron durante máis dun ano, supuxeron un investimento de 3,4 millóns de euros, e foron executadas polo Consorcio de Santiago con fondos do Estado, a Xunta, o Concello compostelán e recursos propios do museo. Agora, unha vez que están listas as instalacións, a idea é que as primeiras salas dedicadas á historia contemporánea de Galicia se abran este ano. Beramendi precisou que gran parte dos contidos xa están listos, mentres que outros están pendentes de contar cos fondos precisos.

PACO RODRÍGUEZ

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expresou o desexo de que esta nova parte expositiva do Museo do Pobo estea operativa en xullo, de xeito que puidera inaugurarse de cara ao Día do Apóstolo. «Esta ampliación ideouse porque ao museo faltáballe a Galicia autonómica. Estes 1.600 metros terán os recordos, os obxectos, o patrimonio da Galicia democrática, da Galicia constitucional, da Galicia autonómica», afirmou, despois de indicar que sen o Museo do Pobo «sería difícil de explicar a nosa historia». Tamén o situou como un referente da rede museística galega. Apuntou que coa ampliación «ofrecerá un cadro aínda máis completo» do país.

PACO RODRÍGUEZ

Os traballos de acondicionamento da ala sur de Bonaval que permiten ampliar o Museo do Pobo incluíron a renovación da cuberta e a fachada. No interior, destacaron a creación dun núcleo de comunicación vertical que vai ser útil tamén para o edificio principal. Este núcleo, que dá acceso a todas as partes do edificio, está integrado por un ascensor de alta capacidade, así como unha escaleira vertical que une todas as plantas. Unha das arquitectas que dirixiu as obras, Idoia Camiruaga Osés, destacou que a intervención centrouse en devolverlle a monumentalidade a esta ala sur de Bonaval. Ademais, salientou, todas as actuacións son reversibles e están marcadas pola sostibilidade. Nese senso, aludiu ao novidoso sistema de sumidoiros de gas radon, así como á xeotermia.

PACO RODRÍGUEZ

«É un orgullo a rehabilitación deste edificio», afirmou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, apuntando que foi a maior obra acometida polo Consorcio de Santiago durante os últimos anos. «Se na catedral o que nos asombraba era a luz que desprendía, neste edificio o que sorprende é a calidade dos espazos, das imaxes que se obteñen desde el. É unha satisfacción ver un edificio monumental tan ben conservado e renovado», insistiu o rexedor. Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo fincapé en que a obra de mellora en Bonaval é o resultado da cooperación de tres Administracións, «o que permitirá ter reunida a historia de Galicia en todo o seu esplendor».

A planta baixa da ala sur de Bonaval vaise destinar a exposicións temporais; a primeira dedicarase a oficinas e seminarios, mentres que a segunda acollerá esa sala coa historia de Galicia. Por último, a baixo cuberta seguirá empregándose como almacén para as pequenas pezas.

As obras de reforma deixaron ao descuberto importantes restos, como os da capela neogótica do antigo hospicio, de arredor de 1898, e unha fonte, entre outros elementos. Nas vindeiras semanas, o consorcio pretende organizar visitas guiadas a esta ala sur de San Domingos de Bonaval.