Unha baralla de pequenas historias

O escritor Héctor Pose e o pintor Héctor Francesch únense en «Lascas», unha insólita experiencia que mestura literatura, arte e diversión


redacción / la voz

Lascas non é un libro. Polo menos non é un libro ao uso. Os autores, o escritor Héctor Pose (Malpica, 1964) e o pintor Héctor Francesch (A Coruña, 1977) defíneno como un libro-obxecto. E os usuarios del falan dunha baralla con historias. «Foi Enrique Lista [da editorial Estraperlo que lanza a peza], quen agromou a idea da baralla tamaño tarot e gustounos», sinala Pose. «Xuntamos literatura, ilustración, deseño e un compoñente lúdico que ven determinado polo formato», engade Francesch. E, en efecto, ademais da sorpresa e o impacto, logran fundir todo iso nunca insólito universo creativo.

Un total de 40 naipes con dobre cara (unha para a historia, outra para a ilustración) compoñen este particular volume servido coa súa corresponde caixa de cartas. Dentro descansan pequenos relatos derivativos doutros mais longos. «Son virutas resultado de escribir outras historias —precisa Pose—. Lascas que o escritor xera cando escribe e que, de amorealas, poden dar unha proposta literaria distinta pero con carácter de seu. Son microrrelatos que, de desenvolvelos, poderían ser novelas, contos... ou non». Independentes, pero unidos polo costumismo e a retranca, pódense ler xuntos ou de maneira independente.

«Son escenas de vida, lacena dos escritores de mirada perplexa e atenta. De escoitar activamente e reflexionar de como somos», expón o escritor que amplía o abano moito máis alá. «Hai amor, soidade, afectos e retranca. Tamén melancolía e beleza. A primeira vez que un se achegue a eles talvez sexa máis acaído lelos devagar nesa orde, logo... barallar e reler na orde que o azar descubra», anima.

Iso resulta inevitable. O libro-obxecto gusta a o tacto e, tras as reservas iniciais —Como se le isto? En que orde? Todo xunto ou do tirón?— invita precisamente a tomalo como una baralla que impoña un relato rexido polo capricho do azar. «Por descontado pódese mesturar —confirma Pose—. E seguramente nesa outra lectura por segunda ou terceira vez, mesmo contándollos a outra persoa, sairán aspectos que un lector avezado e sensible descubrirá.

Pictogramas que contan

Moi ligado ao arte pop, nos últimos tempos Héctor Francesch traballa moito cos pictogramas. A súa serie Suite coruñesa, onde levou a esa linguaxe as iconas máis significativas da cidade é una destacada mostra desa liña que aquí prosigue. «Agora o meu traballo como pintor ten esa mesma base, unha gráfica sintética e directa na súa mensaxe. Sempre admirei a economía de medios!», resume o artista que no contraste dos brancos e negros plasmou un atractivo imaxinario, que incluso podería funcionar por si mesmo sen texto. Cuncas con teas de araña, pulmóns-gaitas, candeados con corazón ou balóns de fútbol coroados por unha cruz con algunhas das representacións que xorden nesta baralla artístico-literaria. «Penso que as representacións visuais de Francesch teñen entidade de seu. Son relatos en si mesmo», opina Pose.

A importancia de texto e grafismo vai ao 50 %. «Normalmente un libro leva unha ilustración cada certas páxinas, iso é certo —explica Francesch—. Nun principio crin que podería ser así, mais cando empecei a traballar converteuse nunha co-autoría. Foi algo estupendo para o proxecto, pois xurdiu un autentico diálogo artístico-literario que percorre o libro enteiro». Tal é así que Lascas pódese ler primeiro dende o texto e despois dende a ilustración ou ao revés. Pero debido a o formato de carta nunca xuntos.

Os creadores invitan a inmersión no compoñente lúdico. «Iso é ao gusto de lector. Non hai unha orde preestablecida nese caso. O escritor si suxire unha primeira lectura por orde, mais a partires de aí empeza o xogo. Tanto e escritor coma o ilustrador, traballamos con liberdade, agora é a quenda do lector», resume Francesh.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha baralla de pequenas historias