Das cartas de amor á intelixencia artificial, un feixe de iniciativas a prol do galego

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle do encontro dos músicos Alejandro Guillán «Baiuca» e Laura Lamontagne, dentro do programa da RAG e a USC «Conseguiremos»
Detalle do encontro dos músicos Alejandro Guillán «Baiuca» e Laura Lamontagne, dentro do programa da RAG e a USC «Conseguiremos»

Institucións e entidades públicas e privadas desenvolven un labor importante para promover o uso normalizado do idioma, que é o que tamén busca o Día da Lingua Materna

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai múltiples iniciativas que traballan dende diferentes ámbitos, do ensino ao xudicial, do audiovisual ao tecnolóxico, pero co galego como elemento clave. O obxectivo é afondar no camiño para acadar unha normalización plena e cotiá do uso do idioma, que é o que pretende poñer de relevo o Día Internacional da Lingua Materna.

 

Apego. Trátase dun programa que desenvolven os servizos de normalización lingüística de varios concellos e mais a CTNL, orientado á socialización en galego dos pequenos ata os seis anos e a que esta lingua sexa instrumental na creación de vínculos familiares. A web fornece de recursos como cantos de arrolo e outras cuestións relacionadas coa crianza.

 

 

Conseguiremos. A Real Academia e a Universidade de Santiago traballan nesta iniciativa que busca conectar galego e mocidade. Trala súa estrea coa futbolista Verónica Boquete, veñen de engadir unha nova entrega cos músicos Alejandro Guillán, coñecido como Baiuca, e Laura Lamontagne. Andrés Goteira, Iria Veiga e Ángel Carracedo serán algúns dos vindeiros convidados.

 

 

Lingua de namorar. A Xunta vén de convocar unha nova edición deste certame que premia as mellores cartas de amor escritas en galego. Ás categorías habituais do concurso súmase neste 2021 a novidade da creación dun apartado específico para Instagram.

 

 

Common Voice. Os voluntarios do Proxecto Trasno levan xa anos traballando a prol da presenza do galego en Internet. A Fundación Mozilla impulsa o proxecto Common Voice para crear unha tecnoloxía para que as máquinas que empreguen intelixencia artificial poidan entender e falar nos diversos idiomas do mundo. Os voluntarios galegos promoven que tamén a lingua de Rosalía non deixe de ser útil para o novo escenario tecnolóxico deste século.

 

 

LGx15. Estoutra iniciativa da CTNL mírase no espello das charlas TED e coloca o galego como eixe de reflexión a partir de distintas olladas e achegas. Hai intervencións como as de Bea Campos, sobre o galego dende o berce, ou de Rosa Aneiros, que formula que o plurilingüismo cómpre abordalo dende unha lingua, e o galego é a ferramenta para entender o mundo e tamén as demais linguas. Ángel Carracedo, Esther Estévez ou Manuel Gago, entre outros, figuran entre os últimos convidados.

 

 

21 días co galego. Que pasaría se un falase exclusivamente en galego, as 24 horas e en todo tipo de situacións durante 21 días? Esta foi a premisa dende a que partiu no 2013 a profesora Pilar Ponte, que puxo en práctica a experiencia pioneira no IES da Pobra do Caramiñal. No 2019 o programa foi asumido por Política Lingüística, que o ampliou a varios centros e propiciou un encontro a xeito de colofón entre os participantes. Unha experiencia que ademais revela interesantes enfoques sobre a lingua.

 

 

Portal das palabras. Por que se prefire entroido a antroido? A resposta do académico Antón Santamarina pode atoparse no Portal das Palabras, unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié. A fascinación que espertan o léxico e a lingua é o tema que vertebra os contidos deste portal web, que aposta pola divulgación dende a información e os xogos. Tamén os concursos, como Olla a Palabra do Día, orientado á infancia e a mocidade.

 

 

Primavera das Letras. O Día das Letras Galegas é o protagonista neste portal que tamén impulsa a RAG. A figura do homenaxeado o día 17 de maio é o argumento para achegar a súa vida e obra aos máis cativos con actividades interactivas. Pode atoparse información do Día das Letras dende o 2016 ata o 2020.

 

 

Abertos ao galego. A Mesa pola Normalización Lingüística puxo en marcha esta iniciativa no 2008 para colaborar con empresas que apostan polo galego e teñen unha posición de compromiso coa normalización do idioma. En recoñecemento á súa sensibilidade lingüística, a entidade expide un certificado que avalía ese compromiso. Agora conta tamén cunha aplicación móbil na que se poden localizar os establecementos favorables ao galego e onde os usuarios tamén poden comentar e valorar o seu emprego.

 

Fotografía de familia da entrega dos premios Mil Primaveras 2019, que promove a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua
Fotografía de familia da entrega dos premios Mil Primaveras 2019, que promove a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua Ramón Leiro

 

Mil primaveras. O célebre epitafio de Álvaro Cunqueiro dá nome a un concurso que convoca a CTNL para «recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio». Entre algúns dos proxectos que xa foron galardoados atópase o modelo Burela, que precisamente está aliñado coas ideas que promove a Unesco da lingua como ferramenta de inclusión social. Outro proxecto distinguido é Youtubeir@s, que fomenta a creatividade e abre novos espazos para o galego nun eido clave para o seu presente e futuro, a Rede.

Unha celebración virtual con teatro e a lembranza de Valentín e Xela Arias 

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto celebrar hoxe a efeméride instaurada pola Unesco cun acto na Cidade da Cultura. Habitualmente era un acto que tiña por escenario unha escola infantil ou unha gardería, espazos que remiten de xeito claro a esa dimensión da data en relación á transmisión xeracional e ao papel da lingua materna na primeira infancia, pero neste 2021, por mor da pandemia, a celebración será en clave virtual. O programa contará coa xornalista Esther Estévez, que presenta na TVG o espazo Dígocho Eu, e que conta con milleiros de seguidores en redes sociais como TikTok. Tamén haberá unha obra de teatro para os máis pequenos, a cargo da compañía Baobab. E nas actividades escénicas para cativos trabállase coa compañía Migallas no proxecto Brincadeira.

Pola súa banda, a Real Academia Galega recuperou co gallo do Día da Lingua Materna un relato que en 1968 escribiu Valentín Arias sobre a socialización en galego da súa filla Xela. Andado o tempo, Xela converteríase nunha destacada poeta, editora e tradutora, faceta esta última que tamén compartía co seu pai. Naquel texto, Xeliña fala galego, Valentín empregaba a narrativa para salientar o valor do coñecemento do idioma e a sensibilidade cara ás linguas, algo que ao cabo resultaría profético, tendo en conta o papel que desempeñaron na vida e o traballo da súa filla.