A Xunta quere que a plataforma TikTok «modifique a súa política lingüística»

H. J. PORTO / M. García REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do vídeo promocional da campaña #aculturasegue en favor do consumo de produtos culturais
Fotograma do vídeo promocional da campaña #aculturasegue en favor do consumo de produtos culturais

A rede social acepta o galego nos contidos dos usuarios, pero non na publicidade

19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta non se conforma coa negativa da plataforma TikTok a acoller a súa campaña de publicidade #aculturasegue desenvolvida en Internet en favor do consumo e do ocio culturais. E non só porque esta rede social non acepte un vídeo promocional por estar feito en galego senón porque entende que o que vale para Twitter, Instagram ou Spotify -que si difunden esta iniciativa institucional- debe valer tamén para TikTok. É por iso que, apunta o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o Goberno autonómico quere que esta aplicación «modifique a súa política lingüística» e para iso traballan desde a Administración, que «seguirá insistindo» para TikTok reconduza o seu posicionamento.

Concede que a información que seguen tendo -e despois de dúas comunicacións a través de carta dirixidas a esta compañía polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez- apunta a unha falta de flexibilidade. «Non temos ningún tipo de noticia directa da plataforma respecto da negativa», lamentou para engadir que, por fontes informais, lles chegou que «esta negativa débese a un plantexamento por parte da plataforma bastante obsoleto de que nos países hai só unha lingua. Entón, eles identifican que en España a única lingua que existe é o castelán».

Lorenzo reprocha a un xigante como TikTok operar desde «a distancia» e «non coñecer a realidade plurilingüe de moitísimos países, como é o caso de España, coas distintas linguas cooficiais que albergan». Precisamente, polo que observa como un mero descoñecemento, non se dá por rendido: «Nós continuaremos a insistir ante esta plataforma para que mude as súa política, neste caso, tremendamente restritiva, e que así permita campañas en calquera das linguas cooficiais do Estado». Ademais -incidiu-, a favor da Xunta xoga que se estea a falar de iniciativas tan importantes e indiscutibles como as desta promoción que van na dirección do fomento da cultura. E máis cando se busca a reactivación dun sector duramente golpeado no anímico e no económico pola pandemia do covid-19 e os confinamentos.

En español e inglés, si

A compañía -de raíz chinesa- non se manifesta publicamente, declina facer comentarios e remítese á súa detallada normativa relativa á contratación de espazos publicitarios. E concretamente ao parágrafo que reza: «La región a la que está dirigido el anuncio es una sola región y en los ajustes de idioma del anuncio hay un solo idioma: el idioma de la creatividad del anuncio y de la página de inicio debe ser un idioma aceptado en todas las regiones a las que se dirige el anuncio». A continuación anota para a rexión España, as linguas aceptadas: español e inglés. Iso na tradución da páxina ao español, porque na súa versión orixinal inglesa adxudícalle unicamente unha: spanish.

Fontes coñecedoras de como opera TikTok -aplicación de grande implantación entre os mozos e máis de mil millóns de usuarios diarios- cren que non é que a rede social vete ou teña nada en contra do galego, ou agoche unha vocación censora, senón que traballa coa máxima de que unha mensaxe publicitaria ten que chegar de forma perfectamente comprensible a todo o territorio que abrangue a promoción, e que neste caso entenden que é España, por iso non aceptan nin o galego, nin o catalán nin o éuscaro, nin ningunha outra lingua cooficial de calquera autonomía. É máis, entenden que esta é una norma tácita que rexe ou debe rexer para a regulación do sector profesional da publicidade en todo o territorio español.

De feito, mentres a plataforma lle impide contratar esta publicidade, dáse o paradoxo de que a Xunta podería ter difundido perfectamente e sen atrancos o vídeo en TikTok se abrira unha conta como usuario particular. Tanto é así que a etiqueta #aculturasegue, asociada á campaña institucional autonómica, está activa na aplicación. Da mesma maneira que o idioma galego se move de modo orgánico -alleo a polémicas ou impedimentos- nos contidos que soben os internautas con perfís en TikTok.

En calquera caso, a negativa non foi ben entendida polos usuarios que noutras redes sociais empezaban xa onte a mover etiquetas reivindicativas como #AlgoDeSentidiñoTikTok e #oGalegoNoTikTokXa, exhortando á plataforma chinesa a reconsiderar a súa negativa.