O CGAC exhibe a pegada dos 30 anos da Facultade de Belas Artes

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O comisario Ángel Cerviño, o secretario xeral de Cultura e o director do CGAC, percorrendo a exposición
O comisario Ángel Cerviño, o secretario xeral de Cultura e o director do CGAC, percorrendo a exposición Sandra Alonso

Recolle nunha mostra obras de 30 creadores que pasaron polas súas aulas

19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cadro de sete por cinco centímetros ao carón dunha instalación cunha gran rede de varios metros. Dunha videocreación sobre o seseo e a gheada á un parque de xogos infantís tinguido de negro. De pintura con óleo ao uso de extintores de incendios modificados para crear un gran mural. Son parte das obras de trinta artistas de distintas xeracións, que empregan diferentes técnicas, uns que dan os seus primeiros pasos, outros xa con traxectorias consolidadas, pero que teñen un denominador común: todos pasaron polas aulas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Reunindo os seus traballos na mostra Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) pretende amosar a achega que supuxo a posta en marcha deste centro universitario hai tres decenios á transformación da arte galega.

«O que aborda a exposición é o momento de transformación dos anos 90 nos que se abre a Facultade de Belas Artes. Antes as persoas que querían ser artistas tiñan que viaxar a Barcelona, Madrid, Salamanca..., e a partir da súa posta en marcha produciuse o estoupido dunha nova xeración de artistas en Galicia que van estar moi conectados coas correntes internacionais así como coas metodoloxías máis modernas en termos de técnica e conceptualización, e asistiremos ao xurdimento de moitas artistas mulleres», explicou o director do CGAC, Santiago Olmo, na apertura desta mostra, que permanecerá aberta ata o 23 de maio. Precisamente, moitos deses creadores, lembrou, empezaron expoñendo no edificio deseñado por Álvaro Siza, que abriu as súas portas tres anos despois que Belas Artes. Parte das obras exhibidas, ademais, forman parte da colección do CGAC.

Unha visitante nunha das salas do CGAC que acolle a mostra sobre Belas Artes
Unha visitante nunha das salas do CGAC que acolle a mostra sobre Belas Artes Sandra Alonso

En Cultivar incertezas conviven traballos de artistas saídos das primeiras promocións como Salvador Cidrás ou Vicente Blanco, con outros dos que aínda continúan formándose, como Erik Balbuena. As obras, segundo explicou o comisario da exposición, Ángel Cerviño, corresponden a diferentes épocas das traxectorias artísticas.

Máis de 2.400 alumnos

Precisamente, Cerviño incidiu na complexidade de conformar este proxecto dada a dificultade para seleccionar unha trintena de artistas dos máis de 2.400 que pasaron polas aulas de Belas Artes e, despois, para elixir os traballos de cada quen, así como acomodar no percorrido expositivo as distintas potencialidades estéticas das creacións de Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón Soriano, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente. Xunto ás pezas destes artistas tamén se pode atopar unha de Laxeiro, co lema Un berro por Belas Artes, en plena protesta cando foi o traslado de instalacións.

Con Cultivar incertezas, o obxectivo non é só botar a vista atrás, senón tamén unha mirada ao futuro, destacou o comisario. Deste xeito, organizaranse diferentes encontros e mesas de debate durante as próximas semanas. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou este «ambicioso proxecto», así como a selección das obras feitas para ofrecer unha reflexión sobre Belas Artes no seu 30.º aniversario.