TikTok impide unha campaña da Xunta porque non acepta o emprego do galego

A Xunta solicita á compañía que reconsidere o seu uso de linguas cooficiais

Imaxe da campaña da Xunta
Imaxe da campaña da Xunta

redacción / la voz

A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña #aculturasegue para fomentar o consumo cultural a raíz do impacto da pandemia no sector. A estratexia dixital é clave nesta iniciativa e por iso se levou a soportes como Twitter, Instagram e Spotify. O goberno galego tamén pretendía levala por primeira vez a TikTok pero bateu cun atranco inesperado: a rede social vetou a campaña co argumento de o galego non é unha lingua admitida na plataforma. A única opción que permite se se selecciona o territorio español como ámbito dunha campaña é o emprego do castelán.

#aculturasegue arrancou en novembro como parte do plan de reactivación cultural autonómico para reverter os efectos negativos que tivo a pandemia en eidos como a música e as artes escénicas, que practicamente viron paralizada a súa actividade, xunto coas outras manifestacións culturais, tradicionalmente un sector cun considerable índice de precariedade e que aínda arrastraba as consecuencias da anterior crise económica. A campaña pretende chegar ao maior número de persoas e a súa estrea en TikTok era un punto importante para acceder á mocidade.

Porén, o centro de atención ao cliente deu como explicación -nunha mensaxe escrita en inglés- que para o territorio español só admiten o uso do castelán. A Xunta reiteroulle á empresa que reconsideren esta decisión, xa que o galego é lingua cooficial, así recoñecido pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, ademais de que é un idioma que empregan case tres millóns de persoas, non só no territorio peninsular, senón que conta cunha ampla diáspora e o peso do seu pasado migratorio.

Con este obxectivo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, tamén se dirixiu por carta aos responsables da empresa en España. Na súa misiva, o conselleiro traslada o seu desconcerto e tristeza polo feito de que a compañía «non permitise a contratación dun espazo publicitario institucional» por estar realizado en galego. Rodríguez explica o propósito da campaña, informa a TikTok do estatus oficial do galego e invoca a súa implantación: «É ademais a lingua maioritaria de Galicia, que goza dunha gran tradición e un cada vez maior prestixio social, unha lingua viva, que cada día utilizan milleiros de persoas, mozos e maiores, para relacionarse no seu ámbito laboral, persoal ou de lecer, no ámbito rural e no urbano e, por suposto, en Internet e nas redes sociais». A consellería enviou a carta o 15 de xaneiro e, ao non recibir resposta, volveu a remitila este mes, pero sen contestación.

Política sobre os idiomas

Este xornal contactou ao longo deste mércores con TikTok para obter a súa versión pero ao peche desta edición a compañía aínda non fixera oficial a súa comunicación. No seu centro de axuda en liña si consignan a política da empresa con respecto á publicidade. O apartado tres aborda especificamente o uso do idioma. Para que un contido sexa aceptado pola plataforma, debe cumprir uns requisitos lingüísticos, que son os de axeitarse ao idioma admitido por TikTok para cada territorio, tanto se se circunscribe a un só como a varios. En España especifícase o castelán, igual que para Inglaterra o inglés ou e Francia o francés. Porén, hai países que admiten varias linguas: Irlanda recoñece o irlandés e o inglés (este último tamén é admisible en varias nacións como Noruega, Italia, Dinamarca ou os Emiratos Árabes). En Suíza admítese alemán, francés, italiano, inglés e romanche, mentres que en Israel son válidos inglés, hebreo, árabe e ruso. No caso español, non sería posible, segundo as normas de TikTok, empregar as linguas cooficiais para publicidade en todo o territorio estatal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

TikTok impide unha campaña da Xunta porque non acepta o emprego do galego