Aparecen os avais de Torrente e de José Lage no xuízo militar contra Carvalho

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Manuel Pazos, cunha reprodución ampliada da primeira páxina do procedemento contra Carvalho
Manuel Pazos, cunha reprodución ampliada da primeira páxina do procedemento contra Carvalho PACO RODRÍGUEZ

Do de Torrente só había referencias e o de Lage non era coñecido até agora

14 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os avais de Gonzalo Torrente Ballester e José Lage Martínez perante o tribunal militar que condenou a Ricardo Carvalho Calero pola súa participación na guerra de 1936 a «doce años y un día de reclusión temporal, con las accesorias de inhabilitación absoluta durante el tiempo de la condena» permiten coñecer mellor aquel proceso. Manuel Pazos Gómez, do Obradoiro da Historia de Ordes e investigador da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña conseguiu, co apoio institucional do Concello de Oroso, eses documentos, no Juzgado Togado Militar Territorial número 23 de Almería.

A familia de Carvalho solicitou avais que o axudasen naquel xuízo por ter sido tenente do exército da República e pola súa traxectoria. Aurora Marco, no seu recoñecido estudo Foula e ronsel. Os anos que marcaron a biografia de Carvalho Calero (1910-1941), esclarece como os recibiu María Ignacia Ramos, a esposa de Carvalho, quen o fora visitar a Xaén, onde o detiveran a finais de marzo de 1939 e onde foi o xuízo en abril.

Torrente Ballester, na altura profesor auxiliar da USC e militante de Falange, alén de funcionario do Estado, como fai constar nese escrito, di que declara voluntariamente e que coñecía o procesado «desde hace aproximadamente seis años, en los cuales su conducta privada y pública fue siempre irreprochable». Como afiliado do Partido Galeguista foi «nombrado APODERADO en las últimas elecciones de 1936; pero le consta al declarante que en aquella ocasión se limitó a votar, sin hacer en ningún caso uso de sus derechos como Apoderado». Acrecenta que «Posteriormente, fue nombrado para intervenir como COMPROMISARIO en la elección de Presidente de la República; y, de regreso de la elección, en conversación que sostuve con el declarante, me manifestó su disconformidad con el matiz marxista que presentaban los negocios públicos de la Patria, afirmando su decisión de apartarse de la vida política y de abandonar el Frente Popular, cosa que por entonces no hacía considerando el peligro que una decisión así significaba en ciudad como El Ferrol, donde los atentados eran diarios». Salienta Torrente que, o 13 de xullo de 1936, en Madrid, falaron os dous do asasinato de José Calvo Sotelo e as palabras de Carvalho «fueron entonces de absoluta disconformidad con el asesinato, con los métodos de la política frentepopulista y con todo lo que pudiera caber bajo la denominación de izquierdismo; añadiendo que estaba determinado a abandonar el Partido al que pertenecía en cuanto concluyera las oposiciones que lo retenían en Madrid». Da conduta de Carvalho en Madrid no tempo da guerra, admite que non a coñece, e alude a Santiago Montero Díaz «fundador de las JONS en Galicia en 1933» para indicar que Carvalho «habíase mantenido al margen de todo acontecimiento, limitándose a dar sus clases como catedrático de un Instituto»

O aval de José Lage, ensinante en Narón, non se coñecía. Salienta tamén de Carvalho e da súa familia a «conducta moral, social, política y religiosa intachable, así como una sólida reputación de honorabilidad y de personas de orden». Refire os seus méritos como estudante da USC, a participación no Seminario de Estudos Galegos e que como apoderado do Partido Galeguista «se limitó a votar sin intervenir» nas eleccións. Durante a guerra, afirma ter ouvido que Carvalho «favoreció a muchas personas de derechas».

Houbo catro avais máis ­-de José María Montalbo Azpiri, José Rapariz Braña, Francisco Rey y Rey e de Manuel Masdías Sánchez, militares e docentes de Ferrol-, que xa referiu hai algún tempo Bernardo Máiz. Foron eses os seis únicos que consta que considerou o tribunal militar de Xaén, indica Manuel Pazos.

Un artigo en La Voz de Galicia evidencia a relación posterior

A profesora Carmen Becerra estudou a relación, mesmo a amizade, entre Carvalho e Torrente a partir de 1941. Tamén aludiu a ela de maneira «ridícula» e con afirmacións «claramente incríveis», segundo valora o profesor Martinho Montero Santalha, o psiquiatra Carlos Castilla del Pino.

Entre outras evidencias desa relación está o artigo Risco leitor póstumo, publicado en La Voz de Galicia o 9 de xuño de 1974, onde Carvalho pon en diálogo La saga/fuga de JB, de Torrente, con La puerta de paja, O porco de pé e Os europeos en Abrantes de Risco. Defende que Risco «non só houbera sido o leitor ideal da Saga, senón que se houbera atopado a si mesmo nela», e alude tamén a Cela e a Otero Pedrayo.

Carvalho recolleu ese artigo en Libros e autores galegos, onde indica que poucos días despois da súa publicación no xornal recibiu unha visita de Torrente e «falamos longamente [...]. Torrente manifestóume non ter lido as novelas galegas de Risco» e que «a principal pegada ourensá» na saga estaría relacionada con «O Trampitán, prodixiosa invención lingüística de don Juan de la Cova».

No expediente por responsabilidades políticas, pendente de investigar, está tamén Torrente

Aurora Marco e Máiz citan un aval de Jesús Suevos, dirixente da Falanxe, e Máiz acrecenta outro de Santiago Hevia López: «pode ser que se enviasen, mesmo outros, aínda que o tribunal non os tivo en conta», manifesta Pazos. O aval de Torrente foi considerado como prexudicial para Carvalho, por destacar a condición de apoderado e compromisario: «Torrente dixo a verdade. Da lectura da causa despréndese que, independentemente dos avais recibidos, Carvalho Calero sería condenado igualmente, como aconteceu con milleiros de oficiais do exército republicano que perderon a guerra, por dous motivos: a aplicación do Código de Xustiza Militar de 1890 e o Bando declarativo Estado de Guerra do 28 de xullo de 1936. As actas do consello de guerra especifican que non existe ningunha proba de autenticidade e veracidade das certificacións recibidas», indica Pazos.

O proceso, agora completo no Tribunal Militar Territorial Segundo de Sevilla, figura no procedemento sumarísimo de urxencia número 15.004/36 contra Valentín Gutiérrez de Miguel (destacado militante socialista, segundo indicou Carvalho; e xornalista, que se reincorporaría á profesión tras ser anulada a pena de morte a que o condenaron na altura) e 11 máis: 3 foron condenados a morte, 3 a cadea perpetua; outros 3, entre eles Carvalho, a 12 anos e un día, e 3 absoltos. 

Investigación pendente

Carvalho regresou a Lugo, tras recuperar a liberdade, en maio de 1941, após a revisión e redución da condena. Ese período é coñecido sobre todo polas súas conversas publicadas por Carme Blanco e por Francisco Pillado e Fernán-Vello; e por investigacións como as indicadas de Aurora Marco e Bernardo Máiz. Como defende tamén Montero Santalha na súa biografía de Carvalho, na redución da pena influíu o elevado número de reclusos que había na altura en España (270.719 en 1939, segundo un traballo do historiador Xosé Estévez; cando en 1933 eran 12.574, ou 15.202 en 1960, indica Estévez).

Manuel Pazos salienta que aínda hai asuntos valiosos pendentes de investigar sobre Carvalho, como o expediente por responsabilidades políticas que revelou Ponte Far en 1994, onde tamén aparece Torrente. O profesor Uxío Breogán Diéguez, da cátedra de Memoria Histórica da Coruña, destaca que hai moito traballo de interese pendente aínda por coñecer neste ámbito.