Corazón, logotipo de amizade

Pepe Barro

CULTURA

11 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante moito tempo Alberto Corazón era o nome que saía cando se falaba do deseño. Disque no seu estudo tiña unha fotocopiadora, pasmabamos da modernidade e do poderío. Naqueles primeiros setenta a revista Comunicación XXI chegaba ao quiosco do Toural de Santiago, era para min un remexido de novidades exóticas: semiótica, publicidade, McLuhan, subliteraturas, cómic... Fora Reimundo Patiño quen me falara del e daquela revista deseñada coa forte cor amarela, que tanto amou, entre fotocopias retortas e cacarañadas que saían do seu estudo, seica pola praza Maior de Madrid. Porque no medio da selva escura do final do franquismo aparecía para algúns de nós un sintagma indisolúbel, Deseño: Alberto Corazón. Tamén botamos a pacer os ollos naqueles libros que editaba entón dándonos noticia do construtivismo, de Boris Arvatov, arte e produción, da arte conceptual... En 1972 andou por Oca: «No medio do camiño desta vida // acheime dentro dunha selva escura, // que a recta vía fora confundida». Con estes versos do Dante encabezou unha pequena edición das tres obras conceptuais, fotográficas, realizadas nos xardíns do pazo, foi no 2013, cando veu expoñer á Fundación Seoane. Daquela unha presa de amigos fixémoslle o galano do programa da exposición que Seoane fixo á volta do exilio. Coma Seoane, Corazón foi home de libros, sempre de formas, materiais, texturas e encadernacións imprevistas. Abriunos os ollos, el é un dos responsábeis de que na miña xeración algúns tomaramos a profesión do deseño coma un reto cultural, sempre con compromiso social.

Hai corenta anos, na miña primeira exposición envieille o convite: unha bolsiña de celofán enchida de labras de lapis de cores varias. Contestou decontado cun agradecemento. Non me coñecía de nada. Onte, na mañá do pasamento, foron para el lembranzas de agarimo de todos os que o tratamos pouco ou moito. Porque Corazón deixa esparexido moito do significado simbólico do seu apelido, blasón falante, logotipo, declaración permanente de afecto e disposición á amizade. Lémbroo así desde aquelas labras.