Na curtametraxe «Os corpos», Eloy Domínguez Serén coloca ao espectador no centro da festa
08 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
No ano 2016, logo de varios anos vivindo en Escandinavia, o cineasta Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) coñeceu de primeira man o Venres de Folión de Laza. Aquela experiencia do entroido deixouno «fascinado e conmocionado», iniciando dese xeito unha relación -«Fun regresando cada ano e ampliando o percorrido: Manzaneda, Viana do Bolo, Vilariño de Conxo, Verín»- que se afianzou definitivamente cando viviu a Baixada da Marela de Maceda. «Dende entón son un adicto a Laza e Maceda: para min significan paixón, enxebreza, apoteose, trance, troula, paganismo, camaradería... Enerxía en estado puro», describe.
Todos eses conceptos están contidos en Os corpos, a curta que Domínguez Serén rodou nesas festas e que se pode definir como unha experiencia inmersiva no entroido, co espectador situado no corazón mesmo da celebración. Sen diálogo nin argumento tradicional, a filmación é unha proposta para os sentidos: o balbordo e os movementos de cámara conseguen reflectir o «delirio» desa marea humana. «Os farrapos, a lama, a fariña, a cinza, as formigas, os folións, as baixadas... é todo pura fisicidade, corporeidade. Nese sentido sempre tiven claro que tiñamos que meter a cámara no epicentro do caos. Tiñamos que estar pegados ás facianas, aos corpos, á pel, ao suor», lembra o director, quen rodou Os corpos dende dentro do entroido: «O único xeito de filmar a carallada era ser parte dela».
Porén, esa experiencia sensorial, á que lle acae moi ben o adxectivo de «tribal», non se queda só na superficie visible do rito, senón que axuda a afondar nos seus significados. «Ademais da colisión dos corpos, a montaxe da peza xoga coa idea da masa e o anonimato, de facianas que se desdebuxan e desvanecen ata desaparecer e mesturarse coas sombras, siluetas e tebras da noite. Para min as partes nocturnas do entroido teñen unha compoñente tétrica, lúgubre e sinistra, case de terror, e esas sensacións están tamén plasmadas nas imaxes e sons da nosa curta, sobre todo no final», analiza o director.