O mito da caverna

Mañá cúmprense sesenta anos do primeiro concerto dos Beatles en The Cavern


Durante os dezaoito anos que pasei dando clase de Filosofía, expliquei unha chea de veces o Mito da caverna de Platón. Agora que xa non estou nas aulas e dalgunha maneira vivo na fantasía, vaime o maxín a outra caverna moito máis mítica, a de Liverpool, aquel club de jazz ao primeiro e de rock despois, no que The Beatles actuaron nin máis nin menos que 292 veces entre os anos 1961 e 1963. Stajanovismo puro para uns rapazolos que viñan de bregarse duro como grupo nos clubs de streptease de Hamburgo tocando dez horas ao día para borrachos, navalleiros e xente de mal vivir. Chegar a ser unha estrela de rock'n'roll non che é un camiño doado.

Este martes -9 de febreiro- cúmprense sesenta anos do primeiro concerto dos Beatles en The Cavern, a mítica, moito máis que a de Platón, caverna de Liverpool. No fin de contas, a alegoría platónica lembrámola uns cantos mais ese lugar é coñecido por calquera que saiba unha miga xa non só dos Fab Four, senón da cultura popular.

Lugar de peregrinación obrigado, son milleiros os músicos que teñen pasado por alí conscientes de que ese espazo foi pisado por John, Paul, George e Ringo, e antes, por Pete, o primeiro batería. Fora precisamente Mona Best, a nai de Pete, quen convencera ao dono para que deixase actuar alí aos Beatles. El non quería pois eran un club de jazz no que sentaban comer os executivos e vendedores de seguros da cidade do Mersey. Xente seria.

Pero Mona cría moito no grupo do seu fillo. Tanto que eles actuaban tamén no Casbah, un club (aínda existe, outro lugar de peregrinación) que ela mesma abriu para que o grupo de Pete puidese tocar. Logo xa sabemos o que pasou con Pete. Por iso, cando Ringo apareceu por The Cavern, as fans, ao primeiro, rexeitaban a Ringo amosándolle pancartas nas que se dicía: «Pete is the best!». Logo se lles pasou, xa sabemos. O dono de The Cavern, por suposto, reconvertiu, visto o éxito das ringleiras de fans -case todas rapazas- que se formaba cada día á hora de comer para escoitar aos Beatles, en local para escoitar rock. Adeus ao jazz para sempre. Adeus, xente seria.

 

Brian Epstein

Todos os que pertencemos á secta gloriosa beatlemaníaca fantasiamos con poder tocar algún día en The Cavern. Situarnos riba do escenario e co ladrillo á vista detrás, igual que nos tempos máxicos dos sesenta, cando Brian Epstein, logo o seu mánager, entrou alí para coñecer eses catro medio delincuentes xuvenís dos que todo o mundo falaba. Foi en The Cavern onde os descubriu e onde se ofreceu a representalos. Foi en The Cavern onde a maxia se asinou en papel de contrato.

Existen gravacións en branco e negro daqueles días, antes de que The Beatles atolaran o planeta enteiro cunha luminosidade que aínda hoxe deslumbra. Aí xa os podemos ver na súa esencia primeira: cravatas sobre camisas brancas. John á dereita segundo vemos para o escenario. As pernas lixeiramente abertas. Paul e George compartindo micro, un á beira do outro e cos mástiles (Paul é zurdo) apuntando a lugares distintos do universo, deixando claro que querían abarcalo todo. Detrás, Ringo, obreiro das baquetas. Nesas imaxes adiviñamos dúas cousas: que debía ir un calor do demo (pelo pegado á cabeza, camisas que transparentan e transpiran) e a felicidade alucinada dun público que, vaso na man, non dá creto ao que están vivindo.

Hai seis décadas dese primeiro momento no que á hora de comer, uns estirados executivos con maletín escoitaron, por sorpresa, un grupo descoñecido de nome estraño. A máis de un atragoóuselle o sandwich. Ao resto, sacáronos, para sempre da escuridade da caverna. Da mítica. A de Liverpool. Esa que mañá está de aniversario.

Francisco Castro é escritor, editor e director xeral de Galaxia

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O mito da caverna