Lucas de Centi (Néboa): «É descomunal a educación que xeran en Galicia as bandas de música municipais»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

O grupo de Catoira acaba de editar «A realidade enganosa», un disco saudado como un revulsivo no novo pop galego

03 feb 2021 . Actualizado a las 18:15 h.

Néboa son de Catoira. Mostran un eclecticismo total nas súas influencias: de Dirty Projectors a Milladoiro, pasando por Vainica Doble e Los Planetas. Miran a Portugal dende Galicia. E acaban de editar A realidade enganosa, álbum do que fala Lucas de Centi que xunto a Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín e Sandra Pérez Míguez forma o grupo.

—Parece que o pop máis interesante que se fai hoxe en día mira á tradición. Vense nesa liña?

—Honestamente, non sei se estamos nesa liña porque nalgúns casos vémolo como unha conduta oportunista, mentres que para outros demostra unha verdadeira aposta por recuperar e facer unha fusión. Creo que o que fai Rodrigo Cuevas [compositor asturiano, defensor da tradición e da súa segunda lectura] en comparación co que fan algúns músicos de pop máis mainstream non ten nada que ver. O de Rodrigo Cuevas co folk do norte é algo espectacular e moi elaborado.

—Vostedes veñen da música folk ou das bandas pop-rock?

—Non, procedemos das bandas de música populares, as municipais. Aínda que teñen os seus defectos, son o mellor que lle pasou a Galicia a nivel musical.

—En que sentido?

—Téndese a pensar nas bandas de música como as que fan só música pasodobresca, poemas sinfónicos españois e cousas dese tipo. Pero a educación que xeran en Galicia a nivel musical é descomunal. Permiten que moita xente poda acceder a música a prezos económicos ou gratis. No resto do Estado español sería difícil de propoñer. E aínda respectando o pasodobre, que hai bandas que fan pasodobres que son verdadeiras marabillas, o repertorio vai moito más alá. O meu primeiro contacto coa música contemporánea máis auténtica foi a través da banda de música do meu pobo.

—No disco hai un achegamento a Portugal.

—É mais que un achegamento, porque hai músicos portugueses no disco. Portugal foi moi importante para Sandra e para min. E, polo tanto, para Néboa. Foi alí onde nos formamos como músicos. Vivimos alí varios anos para estudar a carreira de música. Eu fixen música jazz e Sandra, clásica. Esa é a etapa máis importante para un músico, porque é cando empezas a apuntar as túas influencias e conexións artísticas.

—Na súa promoción fálase de bandas como Piratas ou Nadadora.

—É cousa de Alan Queipo, que é o que marca o rumbo en Raso, a discográfica. O de Nadadora non tanto, pero o dos Piratas é inevitable. Moitos de nós escoitámolos na adolescencia. Por moito que a día de hoxe escoitemos outras cosas, esas influencias acaban saíndo. O outro día estaba escoitando Ultrasónica e, a nivel de actitude e intención de mesturar música, vía cousas parecidas.

—Cal é esa conexión?

—A vontade de facer unha música que vaia expandindo as fronteiras do pop e de facelo desde Galicia. Aínda que non teñamos o mesmo son, grupos como eles ou Golpes Bajos son referentes totais. Son grandes referentes da música en España, pero son galegos en canto a actitude.