-A pandemia interrompeu o proceso do disco: como viviu eses meses pasados e como afronta este novo ano?
-Foi duro como para toda a xente. Pero houbo tamén momentos de dozura, de contacto co público a distancia, con concertos en rede que tiveron miles de seguidores, o cal foi moi bonito para nós. Pero botas de menos o contacto ao vivo, ir ós auditorios, ás prazas... Menos mal que no verán puidemos recuperar iso e rematar o cedé. Decidimos tirar adiante con el aínda que era case seguro que habería outro parón coa vida cultural. Pero estamos contentos de telo feito e espero que con este disco, ás centos de persoas que participaron comprándoo no micromecenado, lles teñamos levado unha brisiña de alegría e cariño. E que canten. Espero que canten co disco! E este ano que comezou, espero que nos traia a normalidade e moita esperanza e forza. E concertos!