O debuxante Alberto Vázquez expón os 22 orixinais de «A caza»

G. NOVÁS REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A mostra pódese ver ata o día 27 de febreiro na sede compostelá de Afundación
A mostra pódese ver ata o día 27 de febreiro na sede compostelá de Afundación XOÁN A. SOLER

O «rei» dos Goya gañou con este regreso ao cómic o premio Castelao de banda deseñada

24 ene 2021 . Actualizado a las 22:25 h.

O historietista, ilustrador e cineasta Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) expón na sede compostelá de Afundación os 22 orixinais do libro A caza, co que gañou no 2019 o premio Castelao de banda deseñada que convoca anualmente a Deputación da Coruña. Esta obra supuxo para o autor da curtametraxe Sangre de unicornio o regreso ao cómic tras unha década alonxado deste medio e, dalgunha maneira, centrado no cinema. O auténtico rei galego dos Goya -xa ten tres estatuíñas nas súas vitrinas- volveu ser nomeado nesta edición pola curta de animación Homeless Home.

O proxecto A caza, enmarcado en Cromática. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, serve como celebración do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro, e pode visitarse ata o 27 de febreiro na sede Afundación de Santiago, que apoia na organización á Deputación. Á fronte, como comisario, Jaime Oiza.

Ambientado nunha contorna selvática, A caza conta a historia dun home primitivo que persegue un animal. Chea de metáforas e unha gráfica que oscila entre abstracción e figuración, aborda temas universais como o conflito entre ser humano e natureza, a contaminación ou a emigración. A obra realizouse coa técnica de sumi-e con tinta chinesa, xurdida no século II en China e considerada a «arte do esencial». En palabras do recoñecido historietista Albert Monteys, Vázquez «sorpréndenos cun cambio de rexistro que remite aos clásicos da temperá novela gráfica, como Ward ou Masereel, pero que podería retrotraernos ata Altamira, ou ao relato dun chamán xunto ao lume. Un cómic atávico, poderoso, absorbente e musical», enxalza.