Antoloxía escolar

CULTURA

22 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non escasean os libros que pertencen ao xénero das antoloxías escolares («ad usum scholarum»), así chamadas porque o destinatario é o alumnado da escola, do instituto e, mesmo, da universidade. A que hoxe nos ocupa, publicada por Galaxia no 2020, é a primeira en acoller textos de Losada Diéguez, Florentino Cuevillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao. Son os grandes da revista Nós, sobre todo na súa primeira época, razón pola cal é acaído o título Antoloxía escolar da época Nós, onde abundan os textos aparecidos na revista homónima, sen excluír o editorial do número 1, Primeiras verbas, sen dúbida de Risco (30-10-1920).

O centenario de revista tan transcendental ben merecía unha antoloxía, como esta, da que é responsable a profesora Patricia Arias Chachero, especialista en Otero Pedrayo. Nunha nota limiar, a editora declara que «os estudantes galegos deben ter a oportunidade de leren os nosos clásicos», o que a levou a elaborar unha escolma pensando nos alumnos de 4.º de ESO e 2.º de Bacharelato, que teñen nos programas dos seus cursos estes escritores.

Unha antoloxía é un xénero moi difícil pois implica escoller determinados textos dun autor o que, moitas veces, vai en detrimento doutros textos tamén moi representativos dese escritor. A presente escolla ofrece outra dificultade: tres dos cinco escritores son autores de dilatada, polifacética e valiosísima obra literaria. Aínda así, esta escolma, de 180 páxinas, é representativa e suxerente.

A editora, como pedagoga, empregouse a fondo nas noventa páxinas de actividades didácticas, que ela denomina Exercicios variados. Á hora de elaboralos, Patricia Arias ten moi en conta as súas experiencias de profesora ademais doutros libros «ad usum scholarum». Agora ben, nunha época pouco propicia á lectura, estes estudantes, que, ademais, teñen outros temas na mesma materia, terán tempo e azos para abrangueren tantas páxinas e tantos exercicios? A editora e centos de colegas seus terán a resposta a fin de curso, que eu agardo expectante. Sexa como for, os que xa non somos alumnos atopámonos cun libro notable no seu xénero.