Carvalho Calero e Pedrayo, as cartas do tempo da resistencia da cultura galega

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O epistolario editado pola Real Academia Galega foi presentado este venres no Parlamento
O epistolario editado pola Real Academia Galega foi presentado este venres no Parlamento Sandra Alonso

A RAG edita 167 misivas que se intercambiaron entre 1949 e 1975

16 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Meu querido Otero: Vouno ver, pois, ao cabo de tantos anos». Deste xeito se dirixía Ricardo Carvalho Calero o 30 de abril de 1949 a Ramón Otero Pedrayo nunha carta asinada en Ferrol. Non se vían desde antes da Guerra Civil, despois de coñecerse en 1927 na Festa da Palabra. Inicíabase con esta misiva unha relación epistolar que agora recupera e edita a Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas 2020. Un total de 165 cartas e dous telegramas que se intercambiaron entre 1949 e 1974 «dúas figuras fundamentais da historia da cultura galega», destacou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. «Un diálogo entre dous grandes» que permite non só entender a historia e a cultura galega deses anos, senón tamén «a intrahistoria, esa parte do iceberg que case sempre permanece debaixo da superficie da auga e que non conta, mais que explica moitas cousas».

O libro Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, que foi presentado no Parlamento de Galicia -onde está depositado o arquivo de Carvalho Calero-, axuda a compoñer «unha imaxe completa da cultura galega», afirmou o seu coordinador, Henrique Monteagudo, subliñando que as cartas «teñen un valor biográfico enorme e histórico, pero tamén valores literarios sobresaíntes. Son dúas grandes plumas que se dirixen un ao outro con fraterna amizade». Subliña, ademais, que a correspondencia ofrece unha «visión riquísima das súas inquedanzas e os seus enormes traballos [...] Estamos descubrindo a nosa cultura durante os tempos de resistencia protagonizada por persoas que se sacrificaron enormemente e que puxeron todo o seu talento ao servizo do país». Precisamente, Patricia Arias -que xunto a Adrián Estévez e Nélida Cosme se encargou da edición das cartas- destacou que neste diálogo, no que se aprecia «non só un trato fraterno, senón un afecto moi particular», se fala moito da historia galega.

Nese aspecto tamén incidiu o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, que cualificou o epistolario entre «dous superviventes do galeguismo» e «salvagardas do espírito galeguista durante os anos escuros da posguerra e a ditadura» como «unha excelente radiografía dun tempo, dunhas xentes e dun xeito de relación hoxe extinguidos». Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrou que «se hoxe somos o que somos é porque houbo unhas persoas que foron sementando un sentimento de Galicia, unha identidade e cultura de Galicia».

Un dos momentos destacados que recollen as misivas é cando sae a primeira edición da Historia da literatura galega contemporánea escrito por Carvalho Calero. «Hoxe é pra min un dos xurdios días do meu vivir», escribía Otero Pedrayo o 14 de marzo de 1963 despois de ollar un exemplar. A filla pequena do homenaxeado no pasado Día das Letras, María Victoria, puxo en contexto algunhas das cartas deste longo intercambio que remata un 16 de outubro de 1974 cun «Apertas do vello amigo. Seu sempre, Ramón Otero Pedrayo».