Homenaxe a un catón

CULTURA

16 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os lexicógrafos hispanos, sen excluír os galegos, cando se refiren a un catón considérano un libro escolar de primeiras letras no que os alumnos facían as primeiras lecturas. Iso foi o Catón galego (1969), de Ben-Cho-Shey, o primeiro en lingua galega. Pero eu hoxe non homenaxeo un libro escolar elemental, eu hoxe tribútolle homenaxe de admiración a unha novela que se publicou, hai xusto sesenta anos, en Bos Aires. Refírome ao relato longo de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, terminado de imprimir na capital arxentina o 5 de xaneiro de 1961 e que hai días foi homenaxeado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura e evocado, axeitadamente, por Víctor F. Freixanes nun artigo de La Voz de Galicia.

Penso que non quebranto a semántica de catón se introduzo neste xénero de iniciación á lectura a famosa novela de Neira Vilas, quizais a máis reeditada, traducida e escenificada da nosa historia literaria. Porque nela, nesas entrañables Memorias, na Galicia posterior a 1969, data da seguinte aparición (Ediciós do Castro), foron moitas as persoas que leron por primeira vez un texto longo en idioma galego. Entre esas persoas cómpre salientar a non poucos estudantes universitarios e tamén a un número non desdeñable de xente da aldea, sector este non afeito a ler no seu propio idioma. Acontece que estes lectores do rural atoparon nun relato, no que tamén había páxinas de amor, dous elementos moi interesantes, unha aldea como a deles e un protagonista que, sendo do campo sofrido, conta esa vida desde dentro, e cóntaa sen baixar a cabeza, sen domear o espiñazo. Foi isto tamén o que suscitou o entusiasmo dos estudantes universitarios, daquela engaiolados polo marxismo, e un pouco de actitudes marxistizantes había nas cavilacións de Balbino, o inesquecible protagonista.

É certo que, por parte dos «vellos», entre eles eu (desde o prólogo desa edición) promocionamos e «propagandeamos» o libro poñendo o acento neste aspecto, e non é menos certo que centos e centos de persoas, alleas á lectura en galego, atoparon nas Memorias o catón axeitado. Poucas veces un libro suscitou tanta adhesión.