Unha mostra profunda en Afonso X e na súa pegada na cultura galega

A proposta do Consello da Cultura reivindica a vixencia do legado do «rei sabio»

«Afonso X e Galicia» inaugurouse este martes na Igrexa da Universidade de Santiago
«Afonso X e Galicia» inaugurouse este martes na Igrexa da Universidade de Santiago

Santiago / la voz

Unha peregrinación pola vida, obra e legado de Afonso X nun permanente diálogo con Galicia, tanto a medieval como a actual. Esa é a invitación que fai a exposición que desde este martes pode verse na Igrexa da Universidade de Santiago, Afonso X e Galicia, que está impulsada polo Consello da Cultura Galega coa finalidade de conmemorar o 800.º aniversario do nacemento do «rei sabio» e, ao mesmo tempo, unirse á celebración do ano santo.

A través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais, a mostra amosa o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. E faino cunha proposta expositiva baseada en círculos concéntricos en referencia á astronomía e astroloxía que tanto interesaban ao rei sabio, destacou o comisario da mostra, Antoni Rossell, musicólogo e experto medievalista. O relato para visibilizar esa pegada de Afonso X na cultura galega non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible a través de cinco bloques temáticos. A entrada sitúa a personaxe de Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o espectador poderá achegarse á vida e conflitos persoais do monarca, para continuar coa recreación do obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran protagonismo para amosar o seu labor científico, histórico e cultural. Séguelle nun cuarto espazo a música e os instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

No núcleo da mostra, no espazo central, están as Cantigas de Santa María relacionadas con Galicia, que se presentan simultaneamente en seis pantallas aéreas, noutro aceno ao mundo da astronomía e a astroloxía. Trátase daquelas vinculadas coa peregrinación, con Caldas, Santiago ou Lugo, que ademais de lerse poderán escoitarse. O último espazo, está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida de Afonso X a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa María.

Percorrer a xeografía galega

«É una exposición baseada en experiencias e non en pezas fetiches», asegurou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez. Nese sentido, o comisario profundou en que «está pensada con el objetivo de que los espectadores vayan a los lugares en los que se encuentran las piezas. Proponemos un recorrido por Galicia por los lugares donde están piezas, castillos y edificios que tuvieron su protagonismo durante la época de Alfonso X». Definiuna como unha exposición «patrimonial» xa que enxalza todo o acervo medieval galego contemporáneo ao monarca e, ao mesmo tempo, desde o punto de vista do patrimonio intelectual, coa participación de expertos actuais. Trátase dunha proposta adaptada aos tempos de pandemia, facendo uso das novas tecnoloxías e ofrecendo distintos niveis de lectura.

O acto inaugural estivo encabezado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que subliñou o vínculo de Afonso X con Galicia. «Unha conexión que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval», lembrou. Con anterioridade, a presidenta do Consello da Cultura incidira en que a mostra «ofrece un itinerario polo universo afonsino en Galicia e reivindica a vixencia do seu legado» e «ademais, pon de relevo o brillo que Galicia e a cultura galega acadaron durante a Idade Media». Iso si, deixou claro que a exposición non só se centra nos grandes logros culturais do monarca, senón que tamén visibiliza os seus fracasos, os seus claros e escuros, e tampouco elude o conflito que tivo co cabido compostelán. Tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da USC, Antonio López.

A mostra poderá visitarse en Santiago ata o 24 de abril e a partir de aí iniciará un período de itinerancia. A súa primeira parada será en Ourense.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Unha mostra profunda en Afonso X e na súa pegada na cultura galega