Constantino Bértolo: «Para falar en voz alta nunha lingua necesítase ter detrás un pobo, un horizonte»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

El editor y escritor lugués Constantino Bértolo (Navia de Suarna, 1946)
El editor y escritor lugués Constantino Bértolo (Navia de Suarna, 1946) BENITO ORDÓÑEZ

O escritor e editor estréase co seu primeiro libro en galego, «O gran poema», nun reencontro coas paisaxes e o idioma da súa infancia en Navia de Suarna

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2011 Constantino Bértolo (Navia de Suarna, 1946) sufriu un infarto de miocardio. «Levoume durante uns minutos ao outro lado da morte nos que por certo nin vin nin oín nada de nada». Aquel suceso é a orixe remota de O gran poema (Chan da Pólvora), o primeiro libro que Bértolo, quen ata a súa xubilación no 2014 desenvolveu en Madrid a súa actividade como editor en Debate e Caballo de Troya, entre outros, o seu primeiro libro escrito en galego: unha escolla lingüística que ten moito de reencontro co idioma e coas paisaxes da infancia, así como de vontade política, e que asina co nome recuperado de Tino de Féliz.

-Ese episodio vital está na orixe deste libro.

-Pois si, a orixe remota do poema foi un infarto de miocardio que me levou durante uns minutos ao outro lado da morte nos que por certo nin vin nin oín nada de nada. Á volta entrei no que chamaría estado de saudade, anhelando o que non fun e o que quizais puidese ter sido. Dirixín a mirada cara a miña vila, Navia de Suarna, entendida como unha paisaxe eterna e como unha experiencia de amor perdida, levada. Aveume a sensación exacta e á vez esquiva de que o río, as montañas, os penedos e as árbores aínda estarían alí mesmo despois de que todo rematara. O gran poema xorde así como glosa daquel epitafio que reza «Nunca debín deixar a miña aldea». En ocasións escribín que o epitafio é a única autoficción que me parece aceptable máis tamén o poema é un diálogo coa nosa historia, coa pobo como personaxe, como veciñanza. Non por casualidade dende entón retornei a Navia con mais frecuencia como á procura dun amor perdido e de aí o que ten o poema de desexo feito corpo e sexualidade.

-Que nos di ese reencontro con Tino de Féliz, o rapaz que foi, deses procesos de construción e deconstrución das identidade?