Agasalleiros


Na nosa casa, máis por tradición que por convicción, sempre fomos de Reis Magos. O 6 de xaneiro é momento de agasallos, emocións, alegrías e tendo cativos na casa, que no meu caso foron tres, só por verlles as cariñas de ilusión xa pagaba a pena vivir o momento. Lémbrome de neno que co nerviosismo pola súa chegada, ata me pareceu velos dende a porta do curral da aldea nun distante, frío e nevado xaneiro. Seguro que moitas persoas e de diferentes xeracións, tivemos algunha experiencia semellante. Se imos á historia real, o dos reis é un conto complicado de crer ou trazar con certa veracidade, pero a historia dos magos de oriente asentouse ata o punto de se converter nunha das tradicións máis aceptadas e vivas desta parte do planeta. O factor relixioso e unha insistente promoción non soen fallar…

Hai uns 50 anos apareceu nas nosas vidas, aínda que o tema xa era anterior, un tal Papa Noel ou Santa Claus. Unha mestura entre os deuses ancestrais da mitoloxía nórdica e o bondadoso bispo de orixe grega San Nicolás de Bari. Diversas adaptacións, matizacións e a decisiva intervención da Coca Cola Company convertérono nun personaxe que parece que levase toda a vida con nós, mais se imos de novo á historia e á veracidade, habería moito que discutir se non fose que é un gran acerto de imaxe comercial. E xa dende hai uns anos, nos fogares galegos, apareceu outro personaxe, neste caso rescatado de antigas tradicións propias, o Apalpador ou Pandigueiro, con connotacións semellantes ás de outras culturas nórdicas. Un carboeiro bondadoso de orixe montañés saído dalgunhas historias antigas recuperadas a través de traballos de investigación etnográfica recente, aínda que outros grandes etnógrafos anteriores como don Xesús Taboada Chivite xa aportaban datos sobre esta figura e o seu cometido.

O apalpador tocaba as barriguiñas dos nenos para ver se comeran ben durante o ano e no caso de que non, deixarlles castañas e agasallos co desexo dun vindeiro ano mellor. Sexa como fose, na nosa casa pese a ser dos Reis Magos, tentamos apostar pola recuperación da figura do apalpador ou pandigueiro como personaxe de tradición propia, achegada e aínda pouco distorsionada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Agasalleiros