Unha mostra aborda as actividades de Luís Seoane no exilio arxentino

«Modernidades diverxentes» examina a relación do artista galego coa revista «Ver y Estimar»

Serigrafía incluída no álbum «Campesinos»
Serigrafía incluída no álbum «Campesinos»

Redacción / La Voz

Durante o seu exilio en Arxentina, Luís Seoane desenvolveu un intenso labor artístico e cultural. Un dos aspectos desta etapa, a da súa relación coa revista Ver y Estimar, é o tema da exposición que abre este venres na súa sede na Coruña a fundación que leva o nome do creador. Modernidades diverxentes, que ten por comisario ao investigador Pablo García Martínez, céntrase nos encontros -e posteriores desencontros- do artista galego coa publicación e o seu director, o crítico arxentino Jorge Romero Brest.

A relación entre ambos arranca nos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, un período no que as revistas desempeñan un importante papel como dinamizadores e modernizadores do eido cultural. Propostas estéticas renovadoras, o deseño gráfico e a ilustración serán pezas importantes neste taboleiro de renovación. Ver y Estimar, que publica en 1948 o primeiro do que serían os seus corenta e catro números, é un bo exemplo deste espírito, como demostra a notable atención que lle dedicaron á obra de Seoane.

Porén, esas posicións primeiras, xurdidas e alimentadas nas correntes antifascistas, irían distanciándose progresivamente, sobre todo a raíz da aposta por Romero pola abstracción xeométrica e o expresionismo abstracto, algo que se afasta das posturas de Seoane, en sintonía coa reformulación dos postulados da arte figurativa cunha clara vocación de mensaxe democrática.

A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 4 de abril, permite non só achegarse a ese diálogo entre o artista, escritor e editor galego coa publicación arxentina, senón coñecer máis polo miúdo a súa filosofía creadora, xa que escribía na revista sobre os seus aspectos máis teóricos xusto nunha etapa crucial para o seu desenvolvemento plástico. Deste xeito, a exposición reúne unha serie de lenzos de Seoane que formaron parte de exposicións analizadas en Ver y Estimar, así como textos informativos e os fragmentos de escritos do propio pintor, xunto con pasaxes das críticas que lle foron dedicadas. Outros obxectos relacionados con este período completan o proxecto expositivo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha mostra aborda as actividades de Luís Seoane no exilio arxentino