Balbino sopra as sesenta candeas

A cultura vindica a vixencia da obra de Neira Vilas «Memorias dun neno labrego»

A Cidade da Cultura acolleu o acto de celebración do 60.º aniversario de «Memorias dun neno labrego»
A Cidade da Cultura acolleu o acto de celebración do 60.º aniversario de «Memorias dun neno labrego»

santiago / la voz

Empezou a xermolar no segundo semestre do ano 1960 na cafetería La Bella Viena, da rúa Cullen de Bos Aires (Arxentina). Alí o camareiro que a diario atendía ao escritor Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1923-2015), Evencio, foi o primeiro en ir coñecendo as andanzas de Balbino, «un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre». Foi o 5 de xaneiro de 1961 cando a editorial Follas Novas -fundada polo autor e a súa muller, Anisia Miranda- publicou os primeiros exemplares de Memorias dun neno labrego. E para conmemorar ese 60.º aniversario, a Cidade da Cultura acolleu este xoves un acto conmemorativo no se que reivindicou a vixencia dun libro que «é un dos grandes clásicos da literatura galega», destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrando que é o máis editado e traducido dos escritos en galego, sumando 35 edicións e máis 700.000 exemplares. Nese mesmo sentido se pronunciou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, incidindo en como esa primeira obra narrativa de Neira Vilas esbozada nunha cafetería «forma parte da cultura literaria universal».

Balbino soprou as candeas nun acto no que estivo presente a través da música e das artes escénicas da man de Cándido Pazó, Manoele de Felisa e Roi Casal, e no que se puxo en evidencia o impacto que tivo. «Memorias dun neno labrego foi un fito, unha obra de referencia», subliñou Román Rodríguez. Exemplificouno no feito de que a maioría dos galegos identifican a obra literaria nada máis soar as palabras iniciais -«Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén...»-, algo que está ao alcance de moi poucas creacións. «Isto fala da súa transcendencia», incidiu o conselleiro para sinalar que Neira Vilas creou un personaxe «tan identificado con Galicia» e co que «Galicia se identifica». Ademais, salientou que para moitos este libro foi a porta de entrada para empezar a ler en galego, «e non pasa de moda», agregou.

Precisamente, en esa vixencia da mensaxe, aínda que as características de Galicia xa non sexan as mesmas que describía Neira Vilas, profundou Fernando Redondo Neira, presidente da fundación do escritor cruceño. «Balbino segue hoxe a ensinarnos a observar o mundo», afirmou, apuntando que o máis importante da novela «é que transcende un tempo e un lugar, unha historia que segue vixente 60 anos porque nos ensina a preguntarnos polo mundo en que vivimos, a rebelarse contra as inxustizas». Ademais, indicou, ese rapaz que pensa como un adulto podería ben compararse con outros personaxes como Tom Sawyer.

O presidente do selo Galaxia, Antón Vidal, lembrou que Memorias dun neno labrego «púxonos de fronte coa situación social de Galicia». Ademais, mostrouse moi agradecido a Neira Vilas, xa que, desde o seu regreso a Galicia, foi un dos autores que máis se entregou á editorial, de aí que esta se sinta «obrigada moralmente» a difundir a súa obra. Precisamente, o presidente da Real Academia deu as grazas a todos os que traballan pola continuidade da memoria do escritor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Balbino sopra as sesenta candeas