Isaac Díaz Pardo, «a loita pola dignidade» e a «lealdade inquebrantable»

Montse garcía / H. J. P. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Díaz Pardo, retratado no Instituto Galego da Información, en Santiago, en setembro do 2008
Díaz Pardo, retratado no Instituto Galego da Información, en Santiago, en setembro do 2008 XOÁN A. SOLER

Xosé Ramón Fandiño elaborou a biografía «definitiva» do intelectual

05 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O máis salientable das mandas de Isaac Díaz Pardo son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade, o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresas, afastadas de calquera tentación especulativa». As verbas son de Xosé Ramón Fandiño, autor de Isaac Díaz Pardo: Memoria do compromiso, unha biografía que acaba de publicar o Concello de Santiago con motivo do centenario do nacemento do intelectual e coincidindo co noveno aniversario da súa morte. Trátase dun percorrido desde a súa infancia compostelá e a pegada que deixou nel o pai -Camilo Díaz Baliño- ata os seus últimos anos, facendo fincapé no Laboratorio de Formas e tratando a súa saída do consello de administración de Sargadelos. Se hai un denominador común na dilatada traxectoria deste «polifacético artista dotado dunha inmensa aptitude intelectual e creativa e dunha enorme capacidade de traballo» é, segundo destaca Fandiño, a «lealdade inquebrantable que lle profesou durante toda a súa vida ás utopías republicanas e galeguistas nas que se educou», de aí a elección do título de Memoria do compromiso.

O libro está dividido en sete capítulos e, «máis que unha biografía cronolóxica, é unha biografía temática na que se indaga a evolución vital e ideolóxica de Isaac», explica Xosé Ramón Fandiño, que traballou durante dez anos con Díaz Pardo no IGI (Instituto Galego de Información). Con anterioridade abordara en diferentes monografías a súa figura, ademais de participar en diversos foros, e agora afrontou esta biografía «completa e posiblemente definitiva» do intelectual galeguista, que está acompañada de numerosas fotografías. «É unha biografía única de Díaz Pardo, un texto que vai quedar para a historia», asegurou a concelleira de cultura de Santiago, Mercedes Rosón.

O capítulo inicial enfoca os primeiros anos de Díaz Pardo na compostelá rúa das Hortas, onde estaba situada a vivenda familiar e o taller de escenografía do seu pai, Camilo Díaz Baliño. Entre outros momentos, recolle a súa participación na campaña a favor do Estatuto de Autonomía do 36, con catro carteis feitos por naquel entón rapaz de 15 anos. «Isaíño, faimos ti», lle dixera Castelao, que andaba moi atarefado coa campaña plebiscitaria, lembra Fandiño. Unha estancia en Santiago que rematou co levantamento militar de 1936 e o fusilamento do seu pai: «Estremecedoras son as páxinas que Isaac escribiu sobre as súas vivencias dos primeiros días da Guerra Civil en Compostela e sobre o desgarro emocional que para el supuxo o asasinato de Díaz Baliño. Páxinas sen resentimentos, guiadas unicamente pola idea de manter a memoria dos inmolados e dos exiliados».