A caricia de Lino Braxe

Alexandre Mato IN MEMORIAM

CULTURA

Lino Braxe
Lino Braxe PACO RODRÍGUEZ

04 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven un amigo chamado Lino no que a vitalidade e a ledicia desbordaban á persoa e colmaban o vaso dun gran artista. Unha luz irradiadora que se foi este Nadal, a do poeta de Mugardos, excelente actor e caótico director de teatro, creador único na ecléctica Xeración dos 80.

Ao longo de catro décadas Lino Braxe fora quen de abordar temáticas nunha antes exploradas na cultura galega. E o espírito rompedor agochaba unha persoa fermosa, sempre cun sorriso que nacía no interior e era elevado pola potente voz.

Á fronte de A Caricia da Serpe, gustaba de cantar en homenaxe o poema Narcisismo do seu querido Lois Pereiro, e tamén porque era narcisista, como todo artista. Mais non dende o egocentrismo ou o egoísmo. Como explicar senón a fonda implicación co Sáhara, até crear vínculos familiares nun deserto que para un pirata brigantino debía ser alleo.

Primeiro era o Lino persoa, e dende alí proxectábase o Braxe intelectual. Así nacía o poemario O sangue dos árabes, un oasis na creación galega, ou a participación na obra colectiva Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina.

Lémbroo dirixindo Lisístrata, a comedia de Aristófanes, adaptándoa con Flor Maceiras a un mundo actual. Dous tótems do teatro galego aprendéndolle con enerxía torrencial aos amateurs. El, con acenos peterpanianos, rindo nos ensaios que representaban unha vila necesitada de sexo.

Era comedia, da vida e da arte. Tanta que antes da estrea, sentado nunha cadeira, ollou para todos e soltou: «Antes de la obra, el abuelo se tranquiliza dando una cabezada». Xogando co castelán para darlle comicidade. Quen o soubese ver, alí estaban as súas dúas caras. A que desfrutaba xogando cos fillos e fillas dos amigos, despregando exércitos de bonecos, levándoos ao cine para ver unha de piratas, dedicándolles poemas e libros, cancións e programas de radio. Poucos con tanta sensibilidade para conquistar o corazón dun cativo.

Ese cariño agochaba a faciana do corpo ferido, das enfermidades que o golpearon en repetidas ocasións.

Até levalo nun día de Nadal, só, ollando o mar, as estrelas e o deserto.

Alexandre Mato é xornalista