O ano do tapabocas, un tempo de oportunidades para o cine galego

O sector asenta nas narracións para o gran público e as obras singulares

Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»
Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»

Pois vai resultar que o tempo do tapabocas tivo moito de oportunidade para o cinema galego en particular, e por engadido para o alleo á apisoadora de Hollywood pola negativa das majors -agás Warner- a estrear polo covid-19, pero esa xa é outra historia. Como é outra historia a que está a crearse arredor da muda que as plataformas provocarán no modelo clásico de consumo, un relato interesado é mentireiro ao non haber petos para afrontar tanta oferta, nin os días medrarán horas para gozalas. Falamos de pantalla grande, ao cabo a nai de todas as pantallas.

Foi así como o pasado 18 de decembro, trinta e tres cines do país recibiron a dous filmes con produción de aquí: Ons, apadriñado por Maruxiña Films, e Hasta el cielo, por Vaca Films. Mentres o primeiro -do compostelán Alfonso Zarauza- centrou boa parte do seu mercado en Galicia, o segundo -do barcelonés Daniel Calparsoro- foise a case duascentas pantallas como a principal aposta española nesa fin de semana. Se insólito era que ambos copasen arredor do 20 % do noso parque exhibidor, notorio foi o lanzamento do segundo, participado por Televisión Española e Movistar+. Cómpre salientar que a comezos de outubro, Paula Cons xa se adiantara a esta feliz tendencia, colocando A illa das mentiras -gañadora do Xacobeo no OUFF2021- en dezasete salas, mentres entrando decembro, tamén tivo estrea masiva El verano que vivimos, do coruñés Carlos Sedes, e coproducida por Bambú, con algún plano tomado en O Ferrol.

 

Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras
Un momento da rodaxe dunha escena de «Lúa vermella» no adro da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras

Da Berlinale a Málaga

Pecharon os catro un 2020 -entre medio entrou de xeito máis graduado Lúa vermella, de Lois Patiño, presentado na Berlinale e cun premio en Málaga- que, paradoxalmente, non foi malo ao noso cinema pese a varios meses cos locais clausurados e unha vez abertos -non todos-, por mor dos prexuízos e dos peches perimetrais con pouca xente nas butacas, poñendo en risco un dos mandamentos fundamentais -como xa anotaba na miña análise do ano pasado nestas páxinas- para a existencia dun cine de seu: sen público, as imaxes propias perden razón de ser. Houbo quen foi máis aló e apostou durante o verán polo autocine e as proxeccións itinerantes a ceo aberto, caso de Ignacio Vilar e a súa María Solinha, garantindo desa maneira unha maior resposta popular pese a non responder ao canon do consumo na sala escura.

Ao tempo, o ano que remata coñeceu a presentación de novos títulos a través dos festivais -en boa parte con apoio institucional desde a Xunta a través da Agadic, con presenza en eventos españois ademais de Alemaña, Holanda, Italia, México...-, confirmando a un ecosistema audiovisual asentado sobre dous piares ben diferenciados: o filme narrativo orientado ao gran público, e a obra máis singular, nas lindes do experimental. E mantense nesa dinámica, mesmo con entradas nos palmarés. Velaí 9 fugas, de Fon Cortizo, mellor longa ex aequo en Xixón, o premio especial á mellor dirección para Margarita Ledo polo documental Nación en Sevilla, e o do Xurado no Documenta de Madrid para a coprodución Those That, at a Distance, Resemble Another (A imagen y semejanza) de Jessica Sarah Rinland, participada por Filmika Galaika.

Cómpre salientar igualmente, a estrea mundial no festival de Ourense da nova longametraxe de Xavier Bermúdez, Olvido y León, que chegará ás salas no ano que comeza como as restantes xa citadas. Outro tanto para Arima de Jaione Camborda, proxectada nunha paralela en San Sebastián. Na anotada liña de recoñecementos, confírmase xa que La gallina Turuleca será o próximo Goya de animación, galardóns nos que O que arde de Oliver Laxe acadou no pasado xaneiro os cabezóns para Benedicta Sánchez e a fotografía. A maiores, a película de Laxe entrou na preselección ao Óscar por España. Unha mención final para a curta Carne da brasileña Camila Kater e produción de Abano, que está a colleitar recoñecementos por moreas. O formato menor sumou Xoves de comadres, de Noemí Chantada, con dous premios en Málaga. Pon epílogo ao relatorio, o frecuente uso de Galicia como plató para varias rodaxes. Polo visto, o audiovisual galego resistiuse á pandemia.

Miguel Anxo Fernández é crítico, doutor en Comunicación Audiovisual e profesor na Universidade de Vigo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O ano do tapabocas, un tempo de oportunidades para o cine galego