Carvalho Calero: «A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos»

En La Voz de Galicia defendou máis usos do galego e o reintegracionismo

Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC
Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC

SaNtIaGO / LA VOZ

«Se queremos de verdade que o galego viva, temos que facé-lo viver todas as vivéncias da sociedade actual. Non só as vivéncias estéticas [...], tamén as vivéncias do uso coloquial, do uso comercial, do uso notarial, do uso administrativo, do uso relixioso e do uso político. A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos». Así o defendía Ricardo Carvalho Calero no artigo O uso do galego para todo, en La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 1981. Coincidía, con máis de 39 anos de adianto, coa principal idea con que a Real Academia Galega honrou a súa memoria hai uns días en Santiago, no acto das Letras Galegas: reclamar máis usos para o idioma. 

Ese, e o reintegracionismo galego-portugués, foron as suas principais teses en máis dun cento de artigos neste xornal. Insistiu en que gañar usos para a lingua era o «máis urxente», cando comezaba a andar a autonomía; porque «non se trata dun idioma puramente doméstico, condenado a non asobardar endexamais as fronteiras do país, senón, como temos visto, do segundo romance máis falado, pois non é senón unha modalidade do galego-portugués, extendido pola superfície do globo».

Dous dos artigos de Carvalho Calero en La Voz sobre a cuestión da lingua
Dous dos artigos de Carvalho Calero en La Voz sobre a cuestión da lingua

A ortografía que utilizaba nese artigo (facé-lo, viver, próprio...) era a promovida pola Xunta, publicada o 17 de maio de 1980, elaborada e asinada por una comisión presidida por Carvalho, con ampla unanimidade, segundo el mesmo publicou. Ofrecía diversas posibilidades e abría camiño para a reintegración, que el amparaba en Castelao e na tradición galeguista. Esa proposta foi substituída por outra, do Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega, de 1982, publicada en abril de 1983 no «decreto Filgueira [Valverde]» como el o denominou.

Carvalho continuou na mesma liña e na que sería a última década da súa vida reiterou de moi diversas maneiras nestas páxinas as súas teses e estratexias para solucionar O problema da língua, título doutro artigo, do 31 de decembro de 1977, onde xa indicaba: «A sensatez aconsella cada día unha conducta que se axeite aos problemas de cada día. Non podemos fincar os xionllos resignadamente perante a historia, mais non se pode rectificar a historia senón partindo da historia mesma» e apelaba a «unha concordia, siquera ortográfica» na liña do galego-portugués.

Os principais artigos de Carvalho sobre a lingua comezan en 1972, cando gañou a cátedra de Galego na USC. Dese ano son Perfil histórico do galego, Lingua e Literatura Galega, O castelán en Galicia, Galego e castelán, Galego e portugués, O galego, unha língua e Perfil xeográfico do galego, onde reivindica a dignidade do idioma e reclama xa máis usos, aínda no franquismo.

En 1975 publica Ortografía galega e Galego-Portugués ou Galego-Castelán: e O galego desenfreado en 1976, onde asume con decisión a reintegración galego-portuguesa, e así até o final. O obxectivo das súas propostas será conseguir Un galego rendível, é dicer, económico e competitivo, título dun artigo do 19 de novembro de 1987; continuado cunha serie sobre política lingüística.

Unha escola filolóxica que procura a proxección internacional do idioma

O legado reintegracionista de Carvalho foi asumido por personalidades da política, o empresariado, a literatura ou diversos ámbitos da ciencia galega. Tamén se mantén unha escola filolóxica que procura a proxección internacional a través da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP). Entre os máis recentes exemplos están o volume colectivo Portugal e(m) nós. Contributos para a compreensão do relacionamento cultural galego-português, editado pola Universidade do Minho (Braga), de Elías Torres (decano de Filoloxía da USC), Roberto Samartín (da Universidade da Coruña) e outros especialistas do Grupo Galabra; ou o Dicionário de Zoologia, de Carlos Garrido (docente da Universidade de Vigo), que publicou en catro linguas a Universidade de São Paulo (Brasil).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Carvalho Calero: «A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos»