Miguel-Anxo Murado: «O libro é unha oportunidade de explicarlle o país a un público amplo»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Miguel-Anxo Murado, retratado en Madrid, onde reside
Miguel-Anxo Murado, retratado en Madrid, onde reside BENITO ORDOÑEZ

La Voz ofrece este domingo por 4,95 euros o seu personal ensaio «Outra idea de Galicia»

30 dic 2020 . Actualizado a las 21:26 h.

Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) define Outra idea de Galicia como «un ensaio literario que naceu co propósito de explicarlle o país a un público amplo: unha oportunidade, tamén, de entender Galicia». La Voz ofrece este domingo unha edición revisada e actualizada dunha obra que propón unha mirada orixinal da historia e a realidade galegas.

-No prólogo fala da necesidade de desmentir os tópicos pero tamén de atopar a semente de verdade que conteñen e situarnos ante ese espello que nos interpela. Que preguntan os tópicos e como respondemos colectivamente?

-O tópico raramente é absurdo ou falso. O que sucede é que é simplificador en exceso. Isto pode ser malo, porque resulta inxusto en moitos casos, pero é útil, porque o coñecemento require da xeneralización. O tópico, ademais, suscita debate, obriga a argumentar e contra-argumentar. Neste libro, porén, non se trata o tópico desa maneira polémica, senón que é máis ben unha escusa para falar de Galicia. É máis un compañeiro de viaxe que un punto de partida ou de chegada.

-Un deses tópicos, quizais o máis espallado, é o da auga e a humidade. Pero no libro queda claro como as condicións naturais inflúen nos modos de habitar. A historia debe ser tamén unha historia xeográfica?

-Cando eu estudei a carreira, aínda se chamaba «Xeografía e Historia». Era algo obvio: a xeografía transcorre no tempo, e por tanto na historia; e a historia transcorre no espazo, e por tanto na xeografía. Son inseparables. Mais no caso de Galicia, penso que o peso da xeografía é aínda maior que o habitual. Co seu poboamento disperso, polo menos nunha grande parte do país, o pouco peso das cidades ata datas moi recentes, o seu illamento xeográfico, relativo pero evidente, a humidade e abundancia de cursos de auga... Non só é unha xeografía peculiar senón moi presente na cultura.

-Outro tópico é ese do illamento, pero por aquí pasaron xentes de media Europa e destaca a importancia da relación co Atlántico fronte á Meseta.

-É unha xeneralización, por suposto. As relacións atlánticas ás que me refiro son de hai moito tempo, da prehistoria ata a Idade Media. Pero foron moitos séculos, e isto deixou trazas na cultura galega. A dificultade da relación coa Meseta foi xeográfica: tardaron en facerse bos camiños, o tren tardou. Galicia ten esa dualidade: é un enclave atlántico pero á vez forma parte da unidade xeográfica da península Ibérica. As dúas cousas colaboraron na súa conformación. Por exemplo, non podemos esquecer que o Camiño de Santiago, de tanta importancia cultural para Galicia, entraba, e entra, pola Meseta.

-Relaciona esa cidade difusa que medra ao abeiro da AP-9 cunha certa visión que xa tiñan os romanos.

-Os romanos eran grandes enxeñeiros e sabían identificar os puntos clave dun territorio e as mellores rutas. Por iso, cando os enxeñeiros actuais fixeron autoestradas como a AP-9, acabaron confirmando os trazados ideados polos romanos hai dous mil anos. Pero esa ruta estaba determinada pola disposición do relevo nesa parte de Galicia. Ningunha cidade ou vila está onde está por casualidade; sempre hai unha explicación, e normalmente esa explicación é en último extremo xeográfica.

-Como observa ese despoboamento do interior, que está a deixar aldeas habitadas só por mortos, por empregar unha imaxe do seu libro?

-Elixín esa maneira, digamos que poética, de velo, porque o libro non deixa de ser un ensaio literario. O problema do despoboamento, ou o do envellecemento da poboación, é moi real, e non parece fácil, ou quizais sequera posible, resolver. Por iso no libro concentreime no seu significado cultural, en como este drama social afecta a imaxe que Galicia ten de si mesma, e como, curiosamente, recorda algunhas ideas que estaban xa implícitas no folclore, como a da «parroquia dos mortos».

-Fronte a esa tendencia esencialista de entender unha cultura como algo estático e inamovible, este libro propón unha visión moito máis fluída.

-Imaxinamos o pasado estático e o presente como cambio constante. Pero isto é ilusorio. No presente non hai tantos cambios como nos parece, e no pasado a cultura cambiaba moito máis do que supoñemos. Toda tradición naceu nalgún momento, polo xeral máis recentemente do que cremos. Pero isto é o normal, non significa que as tradicións sexan «un fraude». A cultura non pode ser eterna porque é un fenómeno humano.

«As cousas vense mellor dende unha certa distancia»

Outra idea de Galicia organízase en torno a unha estrutura circular, aínda que a cronoloxía está implícita nos seus capítulos, que abrangue un amplo arco temporal dende a Antigüidade ata hoxe en día. Esa formulación parte da vocación de «mirar as mesmas cousas desde ángulos distintos», como explica Murado. Na revisión a fondo que o autor preparou para esta edición especial de La Voz, os contidos gañaron en atemporalidade. Algúns períodos históricos examínanse dende diferentes puntos de vista, nesa procura do enfoque revelador e ás veces sorprendente.

-Un capítulo aborda tamén a diáspora galega. A partir da crise do 2008 iniciouse un novo fenómeno migratorio, no que participan tamén mozos con alta formación. Como ve actualmente a emigración galega, tanto esa nova como os descendentes das xeracións anteriores?

-En principio, non parece comparable, porque temos unha imaxe da gran migración de finais do século XIX e principios do XX de enorme dureza, o que foi certo en moitos casos. Porén, hai coincidencias. Aquela grande emigración tivo varias causas, pero o seu motor indispensable foi a globalización, que empezou entón e non agora como pensa tanta xente. O feito de que Galicia entrase na ruta dos grandes transatlánticos, as novas tecnoloxías da comunicación e apertura dos mercados internacionais... Todo isto foi fundamental. Esta xente nova con altas cualificacións que marcha agora faino dacabalo dunha intensificación desa mesma globalización. Se isto é bo ou malo para Galicia en si, xa é outra cuestión, pero non podemos pensar que é un fenómeno anómalo. Podemos intentar ser unha terra de innovación, e reter todo ese capital, pero hai que ser conscientes de que as industrias tenden a especializarse, e agora hai moitos países no mundo que queren ser centros de innovación. É posible, pero non fácil.

-A escrita orixinal do libro empezouna cando xa levaba uns anos fóra de Galicia, o que lle permitiu, segundo di, un exercicio de introspección e nostalxia. Que vantaxes permite ese teleobxectivo da distancia?

-Podemos enunciar aquí outro tópico: as cousas vense mellor desde unha certa distancia. Non é certo sempre, pero é certo en moitos casos. Quero pensar que é así neste caso, precisamente porque o libro, que non é a obra dun especialista senón dun simple escritor, é unha evocación, e fala de como se imaxina Galicia. E para evocacións, a distancia, no tempo e no espazo, é o mellor. Ou iso espero.

«Todos temos moitas identidades diferentes»

A paisaxe, a historia, a lingua, a literatura e a música son cuestións que Murado aborda en Outra idea de Galicia. Tamén hai páxinas dedicadas ao nacionalismo e as diferentes percepcións de Galicia dende fóra, da galegofobia á galegofilia, tal e como se titula un dos capítulos.

-Fai referencias tamén aos topónimos deturpados e as discusións que aínda hoxe propician. É un tema interesante para reflexionar sobre a organización do Estado. Como ve actualmente esas relacións entre culturas?

-É inevitable que esas cousas, os topónimos por exemplo, se politicen, precisamente porque teñen unha enorme carga sentimental e simbólica. Todos temos moitas identidades diferentes, e facer que compitan entre si ou se compaxinen e se acomoden é unha decisión máis que un destino. Pero, en si, as linguas, os topónimos... non teñen unha ideoloxía.

-Hai humor tamén, como cando fala dos desvelos de Ramón Piñeiro por separar a morriña da saudade, só para que as mesture Julio Iglesias nunha canción...

-Unha canción, por certo, moi importante para os galegos da emigración, que choraban cando Julio Iglesias a cantaba en Arxentina. É unha das ideas que quería transmitir no libro, a de que unha cultura é todo, e conta cousas relevantes tanto nos tratados de filosofía como nas cancións populares, os ditos ou o tipo de programas de televisión que se fan en cada lugar. Naturalmente, non todas esas variantes da cultura son equivalentes, pero todas forman parte do conxunto.