Anxo Angueira: «A Fundación Rosalía ten que estar en constante dinamismo e apertura»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

CULTURA

Anxo Angueira é o presidente da fundación dende 2012, e foi renovado recentemente no seu cargo
Anxo Angueira é o presidente da fundación dende 2012, e foi renovado recentemente no seu cargo merce ares

Entre as claves do novo mandato está a proxección internacional da autora

28 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Con forza, ganas e ilusión. Así encara Anxo Angueira Viturro (Manselle, Dodro, 1961) o seu terceiro mandato á fronte da Fundación Rosalía de Castro de Padrón, á que se incorporou como vocal no ano 2010 para, dous anos despois, ser elixido por primeira vez presidente da entidade. Despois de dous mandatos de «moito traballo» pero tamén «satisfaccións», e de deixar pegada na fundación, o profesor da Universidade de Vigo renova no cargo por unanimidade.

-A súa foi a única candidatura presentada para presidir a fundación. Tivo claro que quería continuar á fronte da entidade?

-Despois de oito anos tan intensos cumpría facer unha avaliación do proxecto. Quedaba atrás un período no que se acadaran varios obxectivos e podía ser o momento de deixalo. Pero tamén cómpre manter o conseguido e, ademais, aínda quedaban por diante varios horizontes cara os que camiñar. Ao final decidín seguir. Ganas e ilusión non me faltan.

-«Non falta traballo», dixo tamén tras ser reelixido. Cales son as liñas do seu programa para os vindeiros catro anos?

-Desde logo creo que cómpre manter vivo o proceso de modernización, dinamización e difusión da Casa de Rosalía, que desenvolvemos estes anos, e ir renovando a programación anual, coa mellora da xestión e das visitas, incluíndo nestas as virtuais. Pero, sobre todo, eu destacaría dous aspectos. Un deles ten que ver coa proxección de Rosalía en Galicia, algo no que vimos traballando desde sempre, pero especialmente agora co programa Amigos da Casa de Rosalía e que nos axuda na sostibilidade económica. E, por suposto, tamén coa proxección internacional a través do fomento das traducións, do proxecto Rosalía en camiño e da incorporación da fundación aos programas europeos. O outro aspecto ten que ver coa mellora das nosas instalacións. Neste sentido será para nós prioritario buscar financiamento para reformar o auditorio.

-As visitas á Casa da Matanza subiron de maneira destacada dende a súa primeira elección no ano 2012 ata a chegada da pandemia. Será posible recuperar pronto esa liña ascendente?

-Non creo que sexa posible, polo menos, ata o 2022. Ademais cómpre prepararse para un cambio de paradigma nos comportamentos sociais en xeral e no que respecta á cultura en particular. Por iso incluímos o obxectivo de facilitar unha visita virtual da Casa Museo da Matanza.

-Destaca o apoio de concellos como protectores da Casa de Rosalía e de particulares que se fixeron «amigos». Que valoración fai da campaña de subscrición popular iniciada hai un ano?

-Foi desde logo moi positiva. Non se trata exclusivamente dun asunto económico, que desde logo é importante. Tanto que amigos, protectores e mecenas permitíronnos sobrevivir neste ano tan difícil. Trátase tamén de implicar a institucións e particulares nos nosos proxectos, de que se sinta a Rosalía e a súa casa como algo propio. E isto está na historia e na mesma xenética desta Casa da Matanza.

-A campaña, seguirá aberta?

-Pois claro. Seguiremos tratando de que a xente se implique e participe, de que os que queiran colaborar teñan un xeito de facelo. Isto non ten caducidade.

-A figura e a obra de Rosalía, están o suficientemente difundidas a nivel de Galicia?

-Eu non creo que Rosalía de Castro sexa unha estranxeira na súa patria. Agora ben, os seus grandes perfís intelectuais e literarios necesitan unha constante actualización e cómpre divulgalos, en Galicia e no mundo. E aínda temos moito que descubrir na súa obra, en tódolos sentidos.

-Que balance fai do último mandato?

-En liñas xerais creo que fixemos un labor positivo. E isto débese ao equipo que rexeu o goberno da fundación, ao persoal traballador da mesma e tamén a un grupo de moi valiosos colaboradores. Pero tamén ás numerosas institucións e entidades que estiveron á nosa beira. A renovación da casa non sería posible sen a Xunta ou a Deputación da Coruña, pero a actividade Inchadiña tampouco o sería sen os homes e mulleres que aman a vela tradicional, poño por caso.

-En que se parece a fundación e a Casa de Rosalía de hoxe ás que se atopou no ano 2012?

-Calquera que nos visite hoxe pode ver ben as diferenzas. A casa mellorou a súa habitabilidade e renovou e enriqueceu profundamente o seu discurso expositivo. Pero para min o importante é que a de Rosalía sexa unha casa aberta e activa. O festival Abride a fiestra marca toda unha liña nese sentido. E a fundación ten que estar en constante dinamismo e apertura, como dinámica e aberta é a muller que temos por bandeira.