«Nós», Palabra do Ano 2020

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

real academia galega

A voz elixida por votación popular designa tanto a xeración de intelectuais galeguistas como alude á implicación colectiva para superar a pandemia

28 dic 2020 . Actualizado a las 16:35 h.

A Palabra do Ano 2020 é Nós. Este luns o Portal das Palabras deu a coñecer o resultado da votación popular para elixir o vocábulo máis representativo dos últimos doce meses e o vencedor foi unha voz que alude á xeración de intelectuais que traballaron por modernizar Galicia hai cen anos, pero que agora cobra unha nova relevancia e dimensión ao encarnar a necesidade de implicación colectiva para superar a pandemia. De feito, entre as finalistas desta iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié figuraban varias palabras relacionadas co andazo deste ano: coronavirus, pandemia, gromo, máscara e vacina. Outra finalista foi seteira, en referencia ao grupo de estrelas tamén denominado arqueiro (Sagittarius na forma latina).

A palabra gañadora é o pronome persoal tónico de primeira persoa do plural. En 1920 daría nome a unha revista, Nós, arredor da cal se nuclearon diversos intelectuais que trataron de modernizar Galicia, afondando na súa cultura e á vez situándoa nun contexto europeo. Un bo exemplo foron os anacos do Ulises de James Joyce traducidos ao galego por Ramón Otero Pedrayo. Tamén agora cobra un novo significado, ao encarnar un espírito colectivo para superar adversidades como a pandemia.

No que respecta ás votacións, Nós acadou case tres de cada dez votos, por diante doutras opcións como seteiro (20 %), gromo (17 %), pandemia (15 %) e máscara e vacina (cada unha delas pouco máis dun 10 %). En anos anteriores resultaron galadoras sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado e refuxiada (2015) e corrupción (2014).