Falece o polifacético artista Lino Braxe: o seu espírito libérrimo deitou os valados todos

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Braxe, caracterizado como Bala Perdida, para a adaptación teatral do texto de Manuel Rivas
Braxe, caracterizado como Bala Perdida, para a adaptación teatral do texto de Manuel Rivas José Manuel Casal

Actor, poeta, escritor, director teatral e dobrador, faleceu aos 58 anos

26 dic 2020 . Actualizado a las 11:50 h.

O activismo cultural e a paixón vital de Lino Braxe (Mugardos, 1962) fixo del un home panca para todos os ámbitos. Alí onde se precisaba, alí estaba. Non lle tiña medo a nada, cun sorriso na boca deitaba os valados todos. Foi actor, escritor, poeta, ensaísta, rapsodo, dobrador, director teatral, cantante, guionista, locutor de radio, pintor, debuxante, divulgador, crítico, xornalista... Non puido ser creador máis fondamente polifacético. Un auténtico valor do humanismo, que non se fechaba nos espazos intelectuais, nin fuxía da busca do popular. Son moi recordadas, por exemplo, as adaptacións que para RNE realizou da obra de Blanco Amor e de Cunqueiro. Porque, nese sentido, el non só facía para si, senón que movía e promovía por contaxio de entusiasmos, ferramentas e razóns artísticas, pola bondade e a xenerosidade abertas das súas motivacións.

Este venres, día de Nadal, inesperadamente, a locomotora brava do seu empuxe cesou. «Aínda consternadas pola noticia, Lino Braxe, actor, escritor e desde hai máis de tres anos director do grupo de teatro da asociación cultural Alexandre Bóveda vén de falecer. Até sempre amigo». Así o anunciaba, xa entrada a noite, na súa conta de Twitter a asociación coruñesa coa que colaboraba. Deseguida comezaron as reaccións das xentes da cultura galega, na que el foi pioneiro sinalado en moitos dos seus traballos, aínda que foi na dramaturxia e o teatro (debutou en 1985 coa compañía Luís Seoane) onde se significou con maior continuidade e eco.

A el, porén, gustáballe que o consideraran poeta; dicía que a poesía era a súa vida, desde que sendo neno quedara fascinado pola Ilíada.