Ana Boullón: «O remedio contra a minoría de mulleres na Academia é que se incorporen máis»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A filóloga Ana Boullón, este mércores, na súa mesa de traballo na casa na que vive nunha aldea de Rois
A filóloga Ana Boullón, este mércores, na súa mesa de traballo na casa na que vive nunha aldea de Rois merce ares

«É importante restaurar a forma correcta dos nosos apelidos», di a filóloga e nova académica da RAG

25 dic 2020 . Actualizado a las 11:32 h.

Profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, Ana Boullón Agrelo (A Pobra, 1962) foi elixida académica da RAG para ocupar a cadeira vacante que, en marzo deste ano, deixou o pasamento do poeta e escritor Xosé Luís Franco Grande.

-Xa era vostede académica correspondente, ¿non lle pilla de novas a solemnidade da RAG?

-Hai moitos anos que colaboro coa Academia, incluso antes de ser académica correspondente, no 2012, xa desde a época da Cartografía dos apelidos de Galicia que fixemos Xulio Sousa e mais eu aló polo centenario da RAG, no 2006. E desde que estou no Seminario de Onomástica a colaboración é máis intensa, ocupámonos da revisión do Nomenclátor e realizamos informes que lle piden á Academia sobre nomes e apelidos.

-Un labor pouco coñecido...

-A RAG ten o encargo legal de sentar a normativa da lingua galega. E a forma estándar dos nomes, apelidos e topónimos é algo que lle compete. Agora a Comisión de Toponimia está integrada dentro do Seminario de Onomástica, e é un dos labores máis importantes que desempeñamos.

-Coidar os nomes.

-Estamos traballando nunha guía de nomes para poñer en aberto, unha aplicación web, para consultar a forma estándar dos nomes, e información etimolóxica, histórica, equivalencia noutras linguas... Pensamos que é un bo servizo para a cidadanía e que contribuirá a estandarización dos nomes. Está baseada no Diccionario dos nomes galegos de Ir Indo que dirixiu Xesús Ferro Ruibal.

-Estaba moi familiarizada co labor da RAG, pero ao mellor cando estudante non se lle pasou pola cabeza entrar na Academia.

-Cando eu estudaba Filoloxía a Academia non desempeñaba un papel social tan importante como agora. Tivo altos e baixos. E durante unha época prolongada estivo en stand by. Despois houbo unha revitalización da institución e empezou a ter un rol máis activo dentro da sociedade e na difusión da lingua. Hoxe responde máis á súa función primixenia.

-Que é...

-Cando se fundou, a comezos do século XX, o seu obxectivo era facer unha gramática e un dicionario. Pero agora sabemos que, desde un punto de vista lingüístico, hai moitas tarefas que atender. Daquela era un esforzo voluntarista duns homes. Afortunadamente, estamos noutra etapa.

-Vostede traballa rodeada de dicionarios. Como valora sentarse na cadeira que deixou Franco Grande, autor do histórico «Diccionario galego-castelán» de 1968?

-O dicionario de Franco Grande era co que andabamos cando empecei a carreira, antes de que existise o de Xerais nos 80, o best seller dos dicionarios. Tiñamos que usar o Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez, pero sobre todo o de Franco Grande que, non só polo seu tamaño, era o que máis circulaba por todos os sitios. A verdade é que fai moita ilusión esa coincidencia. É ademais unha figura pola que sinto unha gran admiración, tamén polo seu libro Os anos escuros, que é unha visión moi lúcida dese tempo, e porque sempre foi un intelectual moi comprometido con Galicia.

-Chega a unha institución na que a muller segue a ser minoría.

-A RAG é consciente do déficit, e está intentando pórlle remedio. Á vista están os últimos nomeamentos de María Dolores Sánchez Palomino, Ana Romaní, Chus Pato e Marilar Aleixandre. Hai unha actitude decidida cara remediar esa anomalía, unha anomalía social. A Academia era así porque así estabamos en tódalas ordes da sociedade. E o único remedio que hai é que se incorporen mulleres á Academia. É unha evidencia que é necesario.

-Que novos enfoques ou labores cre que debe asumir a Academia?

-Teño tal compromiso co Seminario de Onomástica que creo que dentro deste campo hai moitísimas cousas por facer, que non vamos dar feito pero que vamos intentar. A xente é hoxe bastante consciente da importancia da toponimia. Cando intentan agredila -vímolo por exemplo co caso de Rajoy e Sanxenxo-, reacciona agraviada porque a toponimia forma parte da nosa identidade. Pero hai moitos outros sectores da onomástica, como as rúas, ás que os poderes políticos están moi empeñados en poñer nomes de persoas en vez de rescatar a microtoponimia que había debaixo desa zona urbanizada.

-E que é ben fermosa…

-A microtoponimia estase perdendo porque morren os vellos. É así de cru. Os nosos avós que eran traballadores do campo utilizaban a terra e coñecían cada recuncho porque lles era útil. Pero agora todos somos desertores do arado. Somos os fillos da xeración dos que marcharon. E o campo queda sen traballar e estanse esquecendo os nomes de cada leira, cada fonte, cada recanto, cada pedra… Para iso está o proxecto Terra Nomeada, no que tamén está a RAG implicada.

-E logo están os apelidos...

-Os apelidos son unha clave da nosa identidade persoal e familiar e tamén parte da nosa historia como sociedade. Os nosos apelidos foron creados desde a Idade Media ata o século XIX, e son reflexo das nosas profesións, os lugares de nacemento, os nosos devanceiros… A xente non é consciente de que un apelido como Seijas está castelanizado. É importante restaurar a forma correcta dos nosos apelidos, volver a ser Seixas, Feixoo, Morgadáns, Miñóns… Toponimia, nomes, apelidos conforman o noso patrimonio inmaterial, que debemos protexer. Esa é unha tarefa que hai que facer socialmente e por desgraza o poder político do país non está polo labor.

«O papel que o galego ten no ensino está a ser relegado»

 

 

Ana Boullón ten moi clara a diagnose no seu campo de especialización filolóxica. Sabe incluso que non terá tempo para desenvolver toda a tarefa pendente.

-E a lingua, como a ve de saúde?

-[Ri a gusto, entre suspiros] A lingua véxoa, en parte, ben. Eu teño esperanza nas novas xeracións. Aínda que o Goberno que temos non está polo labor de que o galego siga a ser unha lingua de futuro. O papel que o galego ten no ensino está sendo relegado. Pero eu teño fe nas nosas xeracións novas, evidentemente, e creo que van seguir perpetuando este legado que temos. Se non tivera fe non me dedicaría a isto.

-Non é vostede da confraría dos apocalípticos?

-Non. Hai moitas ameazas. Hai perigos. Pero temos que ter unha visión optimista e de traballo para o futuro. Debemos transmitirlle isto aos nosos fillos para que eles llo transmitan aos seus fillos. E que a nosa sociedade siga vivindo. Xa o dicía Castelao, «se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma». Pois está dito, se queremos pervivir como unha sociedade diferente, temos que manter o idioma. Se non… A ver, a xente non vai morrer por non falar galego, pero xa será outra cousa.