Xosé Manoel Núñez Seixas: «O franquismo usou o folclore para cimentar o amor á nación española»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Agasallando a Himmler. O xefe das SS, Heinrich Himmler (asoma ao fondo, con gafas), na súa visita a Madrid, o 23 de outubro de 1940, fotografado posando cun grupo de nenas tras unha actuación folclórica na sede de Auxilio Social da Sección Femenina de la Falange. En primeiro plano, as rapazas que ían ataviadas co traxe rexional galego
Agasallando a Himmler. O xefe das SS, Heinrich Himmler (asoma ao fondo, con gafas), na súa visita a Madrid, o 23 de outubro de 1940, fotografado posando cun grupo de nenas tras unha actuación folclórica na sede de Auxilio Social da Sección Femenina de la Falange. En primeiro plano, as rapazas que ían ataviadas co traxe rexional galego HERMES PATO | Efe

O historiador da Universidade de Santiago gaña o premio de ensaio Ramón Piñeiro co seu traballo sobre a instrumentalización das culturas subestatais polo fascismo

22 dic 2020 . Actualizado a las 17:03 h.

O premio de ensaio Ramón Piñeiro recoñeceu este luns De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), traballo do historiador da Universidade de Santiago Xosé Manoel Núñez Seixas, que indaga as formas en que fascismo e franquismo, mediante a apelación ao local e ás identidades rexionais, tratan de «cimentar o amor á nación española». O nacionalismo de Estado non ten por que ser uniforme, sinala, a cuestión é cal é a tradución política que se lle dá a variedade. «Xa os intelectuais da primeira Falange consideran que o importante para España é ter unha misión, a unidade de destino no universal: a pluralidade de territorios atoparía a súa razón de ser na procura dun imperio, un obxectivo común».

Outros sectores que conflúen na coalición que dá lugar ao franquismo, como os carlistas, os tradicionalistas, estiman que a fe católica e a monarquía eran fundamentais, pero aceptan diversidade de linguas, códigos xurídicos e interpretacións da historia. A variedade non ía en contra da unidade, dáballe cor. Había, claro, un límite: a autonomía política.

«Crían que a descentralización podía ser mal utilizada polos que chaman separatistas, que, dicían, esaxeraban a sa idea de variedade ao converteren as diversas modalidades lingüísticas en idiomas que procuran diferenciarse do castelán, e mesmo buscaban irse de España». O réxime quere que haxa una soa lingua de cultura, o castelán. Está ben que galego, catalán e vasco se falen no campo, se fagan poesías, xogos florais, academias e unha certa literatura, pero nunca que sexan cooficiais, explica o investigador.

Para suavizar a mensaxe está a promoción ou instrumentalización do folclore. O autenticamente español estaría na tradición, plural, variable e en diversos idiomas, subliña Núñez Seixas. «E unha idea controlada dese folclore, escenificada, serve para que os españois das diversas zonas se coñezan e nesa experiencia medre o amor á nación». Non ven iso como ameaza, senón como expresión da riqueza de España.

O franquismo non é discurso monolítico, aduce o profesor. Hai diversas familias e culturas políticas, que compiten polo poder. Nos anos 60 afloran sectores (sobre todo, elites políticas locais, presidentes de diputacións, alcaldes, procuradores en Cortes) que ven que aquilo non dá máis de si e entenden que España debe descentralizarse. De aí parte o rexionalismo ben entendido. O que está na base dunha boa parte da dereita reformista que vén do franquismo. De feito, incide o profesor, na creación do Estado das autonomías intervén unha corrente de dentro. «Por dicilo graficamente, hai unha liña que vai dos Coros y Danzas da sección feminina, da caracterización dos galegos no cinema, de Xan das Bólas, ao Luar da TVG. É dicir, a cultura galega está moi ben pero é unha cousa popular e tradicional. Iso logra éxito en parte porque ten raíces anteriores: miles de persoas participaron en todas as escenificacións de Coros y Danzas, que reforzaban programas de televisión e un discurso da historia que se transmitía no ensino», engade.

Hai ata un uso pragmático de referentes das culturas subestatais, de imaxinarios e símbolos creados polos nacionalistas periféricos, como a idea da paisaxe galega e o celtismo. «E faise coa colaboración de intelectuais como Cunqueiro e Filgueira Valverde, galeguistas que se fan franquistas, de corazón, non por salvar o pelello. Despois dun tempo intentan volver ao galeguismo pero preservando a fidelidade ao réxime. Vicente Risco ou Otero Pedrayo, por exemplo, deixan de colaborar co franquismo», conclúe Núñez Seixas.

O xurado do premio Ramón Piñeiro enxalzou a capacidade analítica que a obra, sustentada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo. Á luz deste traballo documental, o enfoque de contrastes entre as diferentes nacionalidades históricas «realízase cun estilo diáfano e crítico». Ademais, a obra galardonada, anota o fallo, «vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema».

O xurado estivo formado por Luís Alonso Girgado, Xesús Fraga, Rexina Vega, Montserrat Pena Presas e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. Organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o selo Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega, o premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e comporta a publicación pola editorial con sede en Vigo.