Panxoliñas clásicas

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

panxoliña é, orixinariamente, un texto en verso cantado o día de Noiteboa en homenaxe ao Neno Xesús; tamén os cantares de Reis, pois, no fondo, homenaxean ao Neno recén nado. Eu, de neno, no Ribeiro, cantei estes cantares, que chamabamos «nacementos» e «reis». Foi no inverno de 1938, 1939, 1940... Nós, os improvisados cantores, máis que noces e figos, que había na casa, deveciamos por diñeiro, por unhas cantas moediñas de cobre, os cans e as cadelas da época. Por certo, se algunha casa non se abría ou era moi mísera na resposta, nós, seguindo a tradición tamén, arrebolabamos estes catro versos escatolóxicos á cara dos donos: «Cantámoslle os reis / do quiquiriquí; / se non nos dan nada, / cagámoslle eiquí».

Estes cantares pertencían ao Cancioneiro popular da literatura oral, e proclamo hoxe que ese tipo de cancioneiro foi a miña primeira universidade literaria, capítulo onde, ao comezo, tiña máis presente esta parcela do cancioneiro relixioso que as cántigas amorosas ou as de contido social. De feito, en 1948, compuxen, para os mozos de Ventosela, unha panxoliña (letra e música).

A imitación da panxoliña de tradición oral, na Galicia dos primeiros quince anos da Posguerra, houbo poetas que, con fidelidade aos seus contidos, compuxeron pezas deste xénero: Ben-Cho-Shey, Aquilino, Fermín Bouza-Brey, Sebastián Martínez-Risco, Manuel María... Estes dous capítulos están moi ben representados nos máis de nove mil «nadais» recibidos por Filgueira Valverde entre 1939 e 1996, hoxe expostos no Museo de Pontevedra. Hai nadais que difiren, moito, da panxoliña tradicional, pezas das que falaremos tamén nestas datas navideñas: as panxoliñas sub-versivas e mais as laicas. Pero aínda hoxe, un poeta tan moderno e orixinal como Arcadio López-Casanova acaba de remitirme unha bela panxoliña ao xeito tradicional, panxoliña cun elemento inesperado: o Neno naceu no Páramo, terra luguesa dos devanceiros do noso gran escritor. Os vates, como profetas, vaticinan o pasado. En panxoliñas do XVIII, hai textos en que o Neno nace galego, alusión, sen dúbida, á pobreza do que non naceu en berce dourado.