María Marco Covelo, Antonio M. Fraga e Andrea Maceiras, premios Xerais 2020

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Andrea Maceiras, Antonio M. Fraga e María Marco Covelo
Andrea Maceiras, Antonio M. Fraga e María Marco Covelo xerais

A editorial fallou este venres os seus galardóns de novela, literatura xuvenil e narracións infantís

18 dic 2020 . Actualizado a las 20:18 h.

María Marco Covelo proclamouse hoxe gañadora do premio Xerais de novela coa obra Coidadora, mentres que Antonio Manuel Fraga fíxose co Jules Verne de literatura xuvenil con santoamaro e Andrea Maceiras gañou o Merlín de literatura infantil con A folla azul. Cada un dos tres galardóns está dotado con 10.000 euros e a publicación da obra pola editora que os convoca, Edicións Xerais de Galicia; as obras chegarán as librarías o vindeiro mes de abril.

María Marco Covelo (Vigo, 1979) gaña o Xerais coa súa primeira novela, unha obra na que aborda o tema das coidadoras. «Faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo», segundo o xurado, que tamén salientou focos temáticos vinculados á ciencia, o lirismo que agroma nas súas páxinas e un «rico tecido simbólico». Para a autora, vinculada profesionalmente ao mundo das artes plásticas, Coidadora supón «o inicio dun camiño novo e excitante por explorar».

Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) escribe en santoamaro sobre un grupo de amigos e amigas que veñen de rematar o bacharelato. No verán que segue, quedan os sábados pola noite na praia coruñesa da que o libro toma o título, aproveitando así o tempo que lles queda antes da previsible separación por mor dos estudos universitarios. O xurado destacou a súa linguaxe próxima, clara e concisa, cun estilo directo onde mandan os diálogos áxiles. Para o autor, que xa gañara o Merlín no 2013, é un libro importante polo que supuxo de exploración de territorios narrativos novos, así como polo feito de que é a primeira novela que rematou dende que estreou a paternidade.

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) narra en A folla azul a historia de Husu Aké, unha nena que pertence ao pobo amazónico dos Tacaré. Husu Aké, «a nena dos ollos de luz» accede grazas á súa avoa, que ten un soño premonitorio, a un segredo para salvar o seu pobo da ameaza da enfermidade e da morte. O xurado declarou gañadora por unanimidade esta novela de «fondo compromiso social»: «Un berro contra a desigualdade, contra a destrución dos recursos naturais, e un canto a favor da cooperación e do compromiso individual polo ben común». A autora explica que escribiu A folla azul antes da pandemia, «e agora aínda ten máis vixencia», pola súa mensaxe de que construír un mundo diferente non é unha utopía, senón unha realidade necesaria.