As mulleres da xeración dos anos 80 tómanlle o pulso á literatura galega nos premios de novela Illa Nova e Repsol

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Sinxelos actos de entrega a Lara Dopazo e Berta Dávila dos respectivos premios narrativos Illa Nova e Repsol
Sinxelos actos de entrega a Lara Dopazo e Berta Dávila dos respectivos premios narrativos Illa Nova e Repsol

As escritoras marinense Lara Dopazo e compostelá Berta Dávila recollen os seus respectivos galardóns en dous breves actos marcados polas restriccións do covid-19

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que as mulleres gobernan con desenvoltura e normalidade a escena da poesía galega, pero non é tan así no campo da narrativa. Estes días deron un golpe na mesa as da xeración dos anos oitenta, da man de Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) e Berta Dávila (Santiago, 1987), gañadoras respectivamente do premio Illa Nova de novela -no que colabora El Corte Inglés- e do de narrativa breve en lingua galega Repsol -apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística-, ambos os dous significados por promover os novos valores da escritura no idioma rosaliano e cuxas obras publica o selo Galaxia.

Dopazo Ruibal impúxose coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga e Dávila trunfou con Illa Decepción. As dúas protagonizaron este xoves sinxelos (e diferentes) actos de entrega e recollida dos seus galardóns, condicionados polas restricións da pandemia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, enxalzou a Dávila como «un talento de presente e futuro nas letras galegas» e subliñou a relevancia da iniciativa da Fundación Repsol como plataforma de lanzamento de novas voces. Unha idea na que tamén incidiu Pati Blanco, responsable de comunicación de El Corte Inglés, que eloxiou a forza da obra de Dopazo e destacou a importancia que para a súa empresa ten este patrocinio como aposta decidida pola narrativa galega en tanto que fai aflorar á superficie a calidade desta xeración moza de creadores.