Os mundos escuros e surrealistas de Ulcis selan o círculo vital de Xosé Fernández Ferreiro

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, retratado na Coruña en marzo do 2013
O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, retratado na Coruña en marzo do 2013 PACO RODRÍGUEZ

Xerais edita un libro de contos póstumo do narrador de Nogueira de Ramuín

17 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Alá polo 2014, no coruñés café Manhattan, nun daqueles encontros diarios que mantiña desde a xubilación co poeta Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931-A Coruña, 2015) comentoulle ao escritor Francisco X. Fernández Naval, Chisco, que andaba a rematar un libro de contos breves. A morte non lle deu tempo a ultimar a súa publicación. Boa sorpresa levou Fernández Naval cando, como testamenteiro do seu paisano ourensán, atopou os relatos dos que falaba e viu que tiñan como fío condutor a Ulcis, unha invención mítica de Ferreiro que enlaza a súa derradeira obra cos seus comezos, naqueles días madrileños da camarilla de Brais Pinto, nos que Ulcis aparecía xa no seu segundo libro de poemas. «Péchase así, dunha forma fermosa, un círculo vital e creativo, porque é este ademais un mundo no que traballou toda a súa vida, aínda que durante un tempo amplo achou na crónica xornalística e na novela, e no camiño da memoria histórica, un espazo no que se encontrou moi cómodo», lembra Chisco Fernández Naval, que preparou a edición de Ulcis para o selo Xerais.

Aínda vai máis aló o editor, quen ve como un motivo engadido de celebración que a súa chegada ás librarías coincida cun novo libro, tamén póstumo, o poemario Clave de bóveda, de Torneiro, o gran amigo de Ferreiro, ambos os dous escritores e xornalistas en La Voz de Galicia. «É unha conexión de destinos fantástica, un fío precioso que os une, que os uniu sempre, dous homes de rexo carácter, discretos, de firmes sentimentos e crenzas, que nunca perseguiron a notoriedade, pero que, caladamente, deixan unha obra moi sólida e orixinal, única no sistema literario galego», enxalza.

Fernández Naval explica que o mundo de Ulcis, escuro, surrealista, alucinado, enterra as súas raíces na aldea como subconsciente colectivo do país. «Está -di- cheo de luces e sombras, desde os recordos da infancia, a familia, os amigos, os afiadores, ata os asasinatos pola terra, polos marcos, a morte, as feridas da guerra, as historias de zoofilia... É unha especie de substrato do noso ser individual e colectivo, desde un punto de vista psicanalítico, algo turbio que subxace debaixo de nós e que el saca fóra».