O BNG propón dedicar á cultura 28 millóns para saír da crise

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Pontón reuniuse con representantes do sector cultural
Pontón reuniuse con representantes do sector cultural

Os nacionalistas avogan por asignar ao sector un 1 % dos orzamentos autonómicos

17 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, celebrou este mércores un encontro con representantes dos sectores culturais, un eido, segundo Pontón, que vive con desesperación a crise por mor do coronavirus. «Agora a situación é crítica e precisa de medidas urxentes no inmediato para saír da uci e medidas a medio e longo prazo para consolidarse e recuperar todo o seu potencial», declarou.

Esa medida urxente pasa por un rescate de 28 millóns para a cultura, con cargo os orzamentos autonómicos do 2021, para o que os nacionalistas presentarán unha emenda aos presupostos que se debaterá no Parlamento o vindeiro luns. A proposta busca atender as necesidades máis inmediatas: afrontar os gastos derivados de manter alugueiros, créditos e salarios nun contexto no que os ingresos son practicamente inexistentes debido ás restricións sanitarias.

Ademais, Pontón proporá modificar os usos dunha parte dos fondos destinados ao Xacobeo 2021 e derivalos ao apoio dos sectores culturais. Para ese mesmo ano, o ideal do BNG é que os fondos para cultura representen un 1 % dos orzamentos, unha porcentaxe que se iría incrementando progresivamente ata acadar o 1,5 % nos vindeiros dez anos. Na actualidade, a contía é de 95 millóns, o equivalente ao 0,82 %.

Pontón lembrou tamén que a crise sanitaria non fixo máis que agravar os problemas causados pola anterior, a económica, da que o sector aínda non se recuperara plenamente. «Temos talento, capacidade, potencial e non podemos deixar que a crise se leve por diante un sector que está nunha situación desesperada», concluíu Pontón.