«Pandemia», «vacina», «gromo» e «máscara», entre as finalistas a Palabra do Ano

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Vacuna de Pfizer
Vacuna de Pfizer REUTERS

«Nós» e «seteiro» tamén figuran entre as candidatas na iniciativa do Portal das Palabras

16 dic 2020 . Actualizado a las 17:36 h.

A crise sanitaria por mor do coronavirus tamén se deixou notar entre os termos finalistas a Palabra do Ano. Entre as seis voces que optan a resumir nun só vocábulo o que foi este 2020 que chega ao seu fin figuran catro que están directamente relacionadas coas circunstancias dos últimos meses: pandemia, gromo, máscara e vacina. Son catro das seis finalistas, escollidas cos votos de máis de 5.500 persoas no Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As outras dúas están relacionadas co centenario da Xeración Nós -nós- e co firmamento: seteiro é un dos xeitos de chamarlle á constelación designada como Sagittarius na nomenclatura latina. 

A pandemia é un bo exemplo de como a situación sanitaria excepcional está a modificar os usos da linguaxe. Unha das palabras finalistas, gromo, ata o de agora figuraba no Dicionario da RAG coa súa acepción no eido da botánica: designa o pequeno vulto que lle sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se transforma en novas pólas, follas ou flores. Os responsables da obra de consulta xa engadiron unha nova acepción: «Aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar». Tamén máscara é outro exemplo de como a pandemia incorporou cambios nos contextos e usos de determinadas voces. E vacina semella encarnar as esperanzas depositadas na súa chegada para combater o coronavirus e ensaiar o regreso a unhas rutinas máis parecidas ás da vida cotiá antes da chegada da pandemia.

Mirar o ceo

Doutra banda, entre as finalistas figura seteiro, que acompaña a arqueiro na listaxe de nomes galegos das constelacións, que se presentou recentemente na Casa das Ciencias da Coruña, froito da colaboración do Seminario de Terminoloxía da Academia e divulgadores da astronomía. Para Sagittarius proponse como nomes seta ou frecha: a primeira é máis próxima á etimoloxía latina, aínda que hoxe constitúe un arcaísmo e a segunda semella de uso máis doado para os falantes, aínda que seta ten como vantaxe que evita os problemas de polisemia de arqueiro

A votación definitiva permanece agora aberta ata as 23.59 horas do día 25 deste mes. A palabra vencedora darase a coñecer o vindeiro día 28. Noutras convocatorias as elixidas foron sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado e refuxiada (2016) e corrupción (2015).