Os galegos, especialmente a xente moza, aumentaron a lectura a raíz do covid-19

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

As persoas que de xeito habitual acudían a ver cine na gran pantalla reduciron a frecuencia
As persoas que de xeito habitual acudían a ver cine na gran pantalla reduciron a frecuencia PACO RODRÍGUEZ

Un estudo do Consello da Cultura constata que un 23,9 % len máis ca antes

16 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os libros acompañaron máis aos galegos durante a pandemia. Ata un 23,9 % da poboación incrementou o tempo dedicado á lectura, fronte ao 10,9 % que o reduciron. Así o recolle o informe Influencia do covid-19 nos hábitos culturais da poboación galega levado a cabo polo Observatorio da Cultura Galega co apoio técnico de Sondaxe. «A crise sanitaria non afectou tanto á practica ou non do hábito de lectura como á intensidade coa que se realizou», conclúe o estudo, que revela que quen máis aumentou o tempo de lectura nestes últimos meses foi a xente nova, os de menos de 30 anos. Un 39,4 % afirman que len máis ou moito máis que antes do mes de marzo.

A investigación encargada a Sondaxe polo órgano dependente do Consello da Cultura Galega incluíu 701 entrevistas telefónicas para analizar a compra e lectura de libros, prensa, música, concertos, artes escénicas, cine e contidos audiovisuais. A entidade cultural completa as análises sobre o impacto do covid tras sete informes sobre a realidade empresarial e o comportamento da cidadanía no sector cultural. «Quedábanos por medir a demanda. Non se analizara o comportamento dos consumidores. Presumiamos unha baixada na demanda por cuestións obvias, pero tamén se apreciaba que certos ámbitos culturais tamén se vían favorecidos pola situación de confinamento. Entón, queriamos saber se iso era así», explicou Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega. Neste senso, engade que, se ben se incrementou a lectura como se presumía por estudos preliminares feitos en España a nivel internacional, isto non se traduciu na compra de máis libros. O informe recolle que mentres con anterioridade o 65,1 % dos lectores adquirían os exemplares, agora só o fan o 47,4 %, recorrendo a préstamos e descargas gratuítas.

Acusado descenso do gasto

Se a lectura experimentou un ascenso, outras prácticas culturais mantéñense practicamente nos mesmos niveis antes e despois da crise. Este é o caso, por exemplo, da prensa. O estudo amosa que medran lixeiramente os subscritos pero baixan do mesmo modo os que mercan a diario ou case todos os días o xornal. «O gasto medio mensual en prensa era de 28,4 euros ao mes antes da pandemia, mentes que na actualidade é de 29,4 euros mes». O estudo tamén recolle que non houbo modificacións substanciais na contratación de plataformas de pago por televisión, pois hai un 6,8 % de novos consumidores pero un 4,1 % déronse de baixa neste tempo. Non obstante, no outro lado da balanza atópanse as actividades que están marcadas pola presencialidade, a asistencia a espectáculos, cinema e os concertos de pago, que sufriron un descenso moi acusado, polo que, segundo o informe, a contracción media no gasto cultural situouse nun 69,9 %.

Un millón de persoas deixaron de ir ao cinema, 863.000 aos concertos e 732.000 ao teatro

Non houbo sorpresas. As actividades culturais que requiren presencialidade son as que máis notaron os efectos do covid. A asistencia a concertos viuse especialmente danada, segundo recolle o estudo promovido polo Consello da Cultura. A baixada é drástica, tanto sexan de pago -antes non ían un 43, % e agora un 80,7 %- ou de balde -con anterioridade non acudían o 23,9 % e agora o 74,4 %-. Isto tradúcese na perda, segundo o informe, de 863.000 espectadores de concertos de pago. Tamén foi acusado o descenso nas artes escénicas. Se antes a metade da poboación dicía que non asistía nunca a estes espectáculos, agora son oito de cada dez. Isto supón unha caída de 732.000 espectadores. «No ámbito dos espectáculos, o problema máis grave que detectamos é que moita xente di que non acode porque non quere, porque non confía na seguridade. Isto é moi grave para o sector», explica Håkan Casares.

No caso do cinema, a situación é semellante. Se antes da pandemia era un 31,3 % da poboación a que aseguraba non ir nunca ás salas para ver un filme, agora a porcentaxe acada o 76 %, o que supón que deixou de ir un millón. Ademais, non é xa só que se reduzan os que acoden, senón que os que hoxe acoden a ver películas fano en menos ocasións.

En canto ás preferencias, o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega recolle a lectura de libros e prensa como as actividades preferidas, mentres que no extremo oposto atópanse as artes escénicas e as visitas a museos. Un dos datos que chama a atención céntrase nas actividades culturais en liña e no seu escaso tirón. Durante o confinamento asistiron a algunha proposta o 11,5 % dos galegos, pero con posterioridade tan só fixeron seguimento a distancia o 1,8 %.

Intención de consumir máis

Pero non todo é negativo. O informe conclúe que «tres de cada catro persoas en Galicia cre que volverán a gastar en produtos culturais tanto ou máis que antes». Nese senso, un 57,7 % prevén manter o seu orzamento destinado a actividades culturais e un 19,4 % detallan que incrementarán o consumo despois da pandemia. É a xente nova, como recalca o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, a que máis prevé aumentar esa inversión respecto a situación anterior á crise sanitaria.

Este tipo de estudos que se elaboran desde o Consello da Cultura busca que as conclusións «sexan de utilidade tanto para a programación pública, as axudas e as empresas, para que coñezan que é o que demanda a poboación», conclúe Håkan Casares.