Sete colectivos peninsulares unen as súas forzas en defensa dos hórreos

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O hórreo máis longo de todos atópase en Araño, Rianxo, e mide 37,05 metros
O hórreo máis longo de todos atópase en Araño, Rianxo, e mide 37,05 metros MARCOS CREO

Traballarán para acadar a súa declaración como patrimonio da humanidade

15 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia hai arredor de 30.000 hórreos. Botando contas rápidas, sae a un hórreo por cada 90 galegos. Un dato que subliña a súa importancia na cultura campesiña, tanto no numérico como na súa dimensión simbólica. Porén, as transformacións sociais, económicas e demográficas colocan a estas construcións tradicionais nunha situación delicada, vítimas do esquecemento, o deterioro e, ao cabo, a súa desaparición.

Para traballar a prol da conservación dos hórreos, sete colectivos de España e Portugal veñen de unir as súas forzas para intercambiar coñecementos e poñer en marcha accións conxuntas, a primeira, a sinatura dunha declaración que solicita a inclusión dos hórreos e «graneros elevados» nos plans nacionais de arquitectura tradicional e patrimonio inmaterial, establecer unha rede de colaboración para conservación e protección e explorar as posibilidades para a súa declaración como patrimonio da humanidade.

Foi a Asociación de Amigos del Hórreo Asturiano a entidade que convocou este primeiro encontro, no que tamén participaron a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), as asociacións do hórreo cántabro e a leonesa La Brusenda, investigadores da Universidade do Porto e os servizos de patrimonio da Deputación de Biscaia e mais de Navarra. Unha reunión que serviu tamén para examinar diferenzas rechamantes entre os distintos territorios. Por exemplo, en Galicia, os hórreos que superen a condición de centenarios teñen o estatus de ben de interese cultural (BIC), cousa que non acontece en Portugal. Ou que no País Vasco todos os hórreos están restaurados. Claro que alí son un total de 22. «En Navarra mesmo hai rutas guiadas de pago para visitalos e teñen moito éxito», explica o presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández Coto.

Os 30.000 hórreos galegos afrontan outros problemas, derivados do despoboamento das zonas tradicionalmente rurais e os seus usos e costumes, que aparella a conversión do hórreo de construción labrega a simple adorno. O cal non quere dicir que non poidan ter o seu sitio nestes tempos de mudanzas. Fernández Coto sinala como exemplo o a restauración dunha casa na que o propietario instalou aire acondicionado e gardou o aparello no hórreo: «É a solución perfecta, porque non se ve, benefíciase da ventilación da estrutura e o hórreo ten novo uso e nova vida». Outro caso recente é a restauración do hórreo do arco, en Dodro, que cedeu o propietario e impulsou o concello en colaboración coa Xunta: patrimonio recuperado.

Os menos afortunados esmorecen entre silveiras e abandonos. Quizais a maioría non son tan espectaculares como os catro máis longos do mundo -Araño, en Rianxo; Lira e Santa Comba, en Carnota, e San Salvador de Poio- pero cumpriron eficazmente a súa función. A variedade de tipoloxías é unha riqueza, como tamén o son as técnicas e materiais da súa elaboración e a súa integración na paisaxe.

Unha dimensión simbólica que recolle a experiencia emocional dunha cultura

Os hórreos posúen unha indubidable vertente material, na súa condición de custodios da colleita, pero á vez son depositarios dunha importante dimensión simbólica. Dunha banda contan os saberes necesarios para construílos, pero tamén cómpre recoñecer a súa encarnación dunha experiencia emocional. Fernández Coto pon como exemplo os emigrantes retornados que, despois de décadas fóra, atopan nos hórreos unha icona que emociona, ben sexa polo reencontro coa súa visión, ben sexa polo baleiro que deixa a súa desaparición. Un dos traballos de cara a preparar unha posible candidatura a patrimonio da humanidade aborda ambas facianas, a de localizar carpinteiros coa sabedoría da súa elaboración, e a de atopar hórreos «en activo» nos que aínda se garde o millo.