A cuarta edición dos premios Youtubeir@s xa ten gañadores, no ano con máis participación

b. c. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os premios Youtubeir@s a «olaxonmario» polo impacto do seu traballo (na imaxe, vídeo co poeta Gonzalo Hermo) e á mellor canle para «pradorua»
Os premios Youtubeir@s a «olaxonmario» polo impacto do seu traballo (na imaxe, vídeo co poeta Gonzalo Hermo) e á mellor canle para «pradorua»

Os proxectos da Rede «pradorua», «olaxonmario» e «O cabalo de Alberte Merlo» fanse cos galardóns principais do certame

09 dic 2020 . Actualizado a las 19:53 h.

Os premios Youtubeir@s veñen de anunciar os gañadores da súa cuarta edición, que acadou un récord de participación ao pasar de 240 vídeos inscritos no 2019 a 536. Dadas as circunstancias, a organización decidiu substituír a gala de entrega de premios pola publicación de entrevistas con finalistas e gañadores. Os tres galardóns principais foron para pradorua (mellor canle pola súa oferta «de contidos variados, orixinais e de calidade» baixo «a ollada dunha muller nova», segundo valorou o xurado), olaxonmario (premio Youtubeir@ polo «grande impacto» do seu traballo) e O cabalo de Alberte Merlo (mellor vídeo, que para o xurado foi «unha mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia»). Estas tres categorías teñen unha dotación de 1.000 euros, mentres que nas demais é de 500.

Premio Youtubeir@s ao mellor vídeo para «O cabalo de Alberte Merlo»
Premio Youtubeir@s ao mellor vídeo para «O cabalo de Alberte Merlo»

Frescura e orixinalidade

Entre o resto de gañadores hai vídeos como As patacas do paraíso, que levou o da calidade lingüística polo seu «plus de frescura», ou Xogando con Ana Pontón aos Sims, galardoado co premio impacto por representar «unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos». En canto aos proxectos, destacan algúns como a canle O son das ideas, que levou o premio creatividade pola claridade para explicar as leis físicas, ou Naturiza, especializada no medio natural e que foi recoñecida co premio didáctico nunha cuarta edición que, ademais de rexistrar máis inscritos que nunca, tamén aumentou a variedade temática e a calidade técnica, segundo destacou a organización.