En Artes Escénicas o recoñecemento é para a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Fegatea), unha entidade privada sen ánimo de lucro que naceu hai vinte anos da man de sete grupos de teatro (Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metátese e O Trasno). As agrupacións escénicas locais desenvolveron un circuíto de teatro amateur por toda Galicia, ademais de contribuír á proxección da cita anual do teatro galego, no marco do Festival Agustín Magán, en Santiago de Compostela, e a través do encontro Platta. É a maior estrutura teatral e organizada que existe neste momento na comunidade.
Estes premios distinguen no eido da música a aCentral Folque, que iniciou a súa andaina como Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (2000-2007), centrada no ensino musical de diferentes instrumentos musicais non estudados habitualmente, así como da historia da música galega, etnomusicoloxía ou patrimonio musical. Tamén desenvolve un intenso traballo na produción de eventos musicais.