María Oruña: «Os protagonistas da novela foron os que atoparon os catro aneis de Santo Estevo»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A última novela de María Oruña aborda a historia dos nove bispos e os aneis milagreiros (na imaxe, os catro atopados e a bolsa de seda en que se gardaban)
A última novela de María Oruña aborda a historia dos nove bispos e os aneis milagreiros (na imaxe, os catro atopados e a bolsa de seda en que se gardaban) Eduardo Pérez | Bispado de Ourense

A escritora viguesa autora da obra de ficción sobre a lenda dos nove bispos milagreiros, «El bosque de los cuatro vientos», descarta facer unha segunda parte do libro

04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo o mundo cre nos nove bispos de Santo Estevo. É un feito histórico constatado e sabemos os seus nomes. Mais son moitos os que non cren na lenda dos seus nove aneis e isto ben demostrar que ten unha base real. Un achado material que está a facer realidade un ben inmaterial... Con todo, e ante todo, hai que agardar a que se fagan as probas e se confirme a súa autenticidade», sinala María Oruña. A escritora viguesa conta con milleiros de lectores das súas obras e este verán presentaba El bosque de los cuatro vientos (Destino), unha novela que ten a Santo Estevo de Ribas de Sil por escenario e por fío argumental da obra literaria a lenda dos nove aneis dos bispos e a devoción popular polos mesmos e polas milagres que disque eran quen de facer.

Detalle dos catro aneis atopados e o pergamiño que os acompañaba e en que se describen
Detalle dos catro aneis atopados e o pergamiño que os acompañaba e en que se describen

Logo do éxito da versión orixinal en castelán saíu, o 30 de outubro, a edición en galego. Publicaba por Aira das Letras, a editora de Allariz, «non é unha tradución literal, é unha versión que fixen eu e na que se foron engadindo a maiores novos materiais e se explica como fun creando a obra, como me documentei e outros aspectos que lle dan un valor engadido», sinala a escritora.

María Oruña confesa a súa máis absoluta ledicia polo feito de que se acharan catro dos aneis dos bispos de Santo Estevo, pero aínda o está máis por como se desenvolveron os acontecementos. «Atoparon os aneis os álter ego da miña novela: a restauradora e o crego. Con Vania López -a restauradora do centro San Martín do Bispado de Ourense- traballei moito e a súa axuda foi un dos alicerces da novela polo que me contou e por como se desenvolve o seu traballo no día a día. Que Vania descubrise os catro aneis é extraordinario e pecha o círculo desta historia. Tamén que sexa nunha intervención da propia Diocese de Ourense, coa cal só podo ter palabras de gratitude por todo o que me axudaron para documentarme e para que puidese escribir o meu libro».

A restauradora Vania López amosa o relicario onde atopou os catro aneis
A restauradora Vania López amosa o relicario onde atopou os catro aneis Miguel Villar

Descarta facer unha segunda entrega da novela -«en todo caso, unha crónica dos achádegos»- e mantén a esperanza: «É certo que existe unha nota que di que os outros aneis non están, pero teño a esperanza de que han de aparecer».

Vania López: «O mellor que me leva pasado en toda a miña vida profesional»

Os traballos na igrexa de Santo Estevo foron promovidos pola diocese. «Contamos coa axuda do parador para iso e o que se fixo foi desmontar algunhas pezas, por seguridade, e levalas ao obradoiro de restauración San Martín para recuperalas. O tornavoces e as hornacinas cos retratos dos nove bispos foron algúns destes elementos», sinala o crego Xosé Xulio Rodríguez Fernández. A igrexa está pendente doutras obras, financiadas pola Xunta para atallar problemas de humidades.

A persoa que acomete a restauración das pezas no centro San Martín é Vania López e recoñece que o achádego dos catro aneis e os documentos que os acompañaban resultou un momento moi especial. «Realmente foi un sorpresón e o mellor que me leva pasado en toda a miña vida profesional. Sentín unha gran emoción. Tamén polo feito de que vén a confirmar a lenda e o que aparece na novela. María Oruña fixo un gran traballo de documentación e este achádego tamén é algo que lle dá valor ao seu traballo», conclúe.