448 anos e 217 días

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

04 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou este tempo desde que, o 5 de maio de 1572, un intelectual hispano, preclaro como moi poucos, recibiu a noticia oficial de que sería condenado a varios anos de prisión no cárcere de Valladolid, onde xa estaba, preventivamente, recluído. No comunicado facíase saber que, se o reo, no interrogatorio, non declaraba certos extremos, «sea puesto en trance de tormento hasta que enteramente diga verdad» (tormento era, daquela, o que nos tempos modernos se chama tortura).

O intelectual así intimidado era un dos poetas máis excelsos do Século de Ouro español, un extraordinario prosista en castelán, un tradutor perspicaz versado nas linguas bíblicas (hebreo, grego, ademais de en latín e italiano), un sagaz intérprete de textos cristiáns fundantes e un catedrático universitario, en Salamanca, sabio e elocuente. Cumprira 45 anos e estaba moi delicado de saúde, circunstancias que non descoñecía Diego de Haedo, fiscal do Santo Oficio neste proceso inquisitorial.

Non era herexe, nin librepensador, nin socialista, nin anarquista, nin sequera comunista. Tiña, como outros filólogos auténticos, a paixón suprema da Filoloxía, paixón que o levaba a defender sen reservas os textos orixinais das obras, neste caso o Antigo Testamento (en hebreo) e o Novo (en grego), os únicos fiables aínda diante da mellor tradución. Érao a Vulgata, a versión que fixera San Xerome ao latín dos dous Testamentos, pero non carecía de eivas, ben demostradas polo sabio profesor que, en realidade, foi preso e torturado por filólogo, ou sexa, por estar comprometido co verdadeiro perfil das palabras. Este agustino, ortodoxo sempre, chamábase Fray Luis de León, poeta que me acompaña e me conforta desde os anos do instituto.

Aquela mísera e violenta España foi evocada hai pouco no Parlamento español cun entusiasmo digno de mellor causa. Supoño que esas voces ignoraban algo moi esencial: que unha das personalidades máis ricas do país, case cinco séculos antes, fora sometido a un infame proceso de destrución. Era a España que agarimaba, desde os Reis Católicos, coas bendicións do Papa, a Inquisición, a máis temible de Europa.