Leticia Rey gaña o concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Leticia Rey, nunha das audicións en Estudios Mans
Leticia Rey, nunha das audicións en Estudios Mans

A cantautora gravará un EP e o próximo sábado 12 de decembro actuará en Santiago

01 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans e coa colaboración da Deputación da Coruña. A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra) sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal, a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena, segundo fontes do concurso. Leticia Rey faise así co primeiro premio que a levará a gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro en Compostela, no Salón Teatro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip.

Tras anos de traballo e formación, a voz de Leticia Rey enche de luz os seus temas, cancións en inglés, galego e castelán, repletas de significado, como sinala a organización. De coidada construción, as cancións desta cantautora emerxente están cargadas dun misticismo e dunha espiritualidade que envolven a quen as escoita. Neste 2020, Rey gravou e publicou o seu primeiro sinxelo, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro.

Salas de concertos

O xurado estivo formado polas programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe, Vilar de Santos, Ourense), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria, Boiro) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente, O Grove). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.

O concurso continúa cun traballo a prol do desenvolvemento de novos proxectos musicais sostíbeis, e súmase ás diferentes accións que Paideia realiza, baixo o seu eixe de emprendemento, para fomentar a actividade artística e musical poñendo ao servizo dos emprendedores as ferramentas necesarias para visibilizar e profesionalizar os seus proxectos. Entre as accións desenvoltas nos estudios de Paideia na cidade da Coruña destacan actividades de formación en competencias profesionais, así como a promoción e gravación de artistas noveis.