Ramón Baltar


Poucas veces lin un libro que me interesase tanto finalizalo como o que acaba de publicar en Xerais Suso de Toro co título Un señor elegante. Xa adianto que o tal señor é un cirurxián santiagués, Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), dunha estirpe, a dos Baltar, moi vinculada, primeiro, en Padrón, a Rosalía de Castro, e logo, en Rianxo, a Castelao e a súas irmás, ás que o «señor elegante» arroupou, tamén para que cobraran os dereitos de autor da obra do escritor rianxeiro nun tempo en que as editoriais (sen excluír Galaxia) eran remisas a esta modernidade.

Esta «novela de non ficción» (palabras do autor) non me sorprendeu polo talento literario, moito, xa demostrado noutras narracións do escritor, se ben nesta ocasión cuns recursos literarios propios dun novelista moi maduro. Ao longo da novela (non biografía), á beira de Baltares moi importantes, nomeadamente o pai, don Ángel, e Antonio, médico tamén (falecido no exilio arxentino), aparecen personalidades que haberá que reivindicar o día que se historie «o pasado resistente da Galicia antifranquista». Refírome, principalmente, ao propio Ramón, ao catedrático de Compostela Ulpiano Villanueva, ao médico tudense Darío Álvarez Blázquez, ao escritor vigués Francisco Fernández del Riego e ao avogado, tamén vigués, Roberto González Pastoriza. Os cinco, entre outros, pertencían á Unión de Intelectuales Libres, dentro do colectivo Unión Nacional, que gobernaba o Partido Comunista en 1947 para derrocar a Franco. Os cinco, entre outros, foron detidos durante semanas.

Houbo, mesmo, un proxecto (Termópilas) para atentar contra o caudillo no que, tanxencialmente, estaba, ademais de Ramón Baltar, o médico Domingo García-Sabell. Estas son as páxinas que culminan a novela e nas que Suso de Toro fai alarde do seu modus narrandi, sempre interpelando ao propio Ramón ou dialogando, á procura de datos, cos seus fillos ou con outras persoas, entre elas Luís Pasín, que, con 14 anos, levaba clandestinamente no taxi feridos da guerrilla ao sanatorio do enigmático e decidido doutor Baltar, moi ben construído polo gran novelista Suso de Toro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Ramón Baltar