A Galicia medieval dialoga coa actual nunha exposición sobre Afonso X

j. g. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Afonso X o Sabio ditando o «Libro de los Juegos», cuxo único orixinal coñecido se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial
Afonso X o Sabio ditando o «Libro de los Juegos», cuxo único orixinal coñecido se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial

Homenaxeará ao rei sabio no Xacobeo para celebrar o seu 800.º aniversario

24 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 12 de xaneiro ao 24 de abril, na Igrexa da Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega inaugurará a exposición Afonso X e Galicia, que despois irá a Ourense e a outros espazos de Galicia e do exterior. Será un dos acontecementos culturais centrais do Xacobeo, que porá en diálogo a Galicia medieval coas tecnoloxías actuais, e mesmo haberá un videoxogo específico. Tamén convidará a peregrinar presencial ou virtualmente polos principais referentes galegos do chamado «rei sabio». Así se indicou este luns no seu lanzamento, coincidindo co 800.º aniversario do nacemento de Afonso X, en Toledo, o 23 de novembro de 1221.

A exposición foi presentada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona e comisario da exhibición, Antoni Rosell; e a coordinadora dos traballos para a súa realización, Dolores Vilavedra, docente da USC.

Este é «un vello proxecto aparcado hai anos», explicou Rosario Álvarez. Resaltou a contribución política e cultural de Afonso X nos ámbitos ibérico e europeo: «Aspiramos a mostrar esa realidade histórica desde unha óptica galega e polo tanto mostrar a súa vinculación con Galicia e o influxo que el tivo na deriva da historia cultural de Galicia». Difundirá a contribución desa monarquía á cultura galega. «Galicia enteira será un gran espazo afonsí que xirará arredor da itinerancia desta exposición», esclareceu Álvarez, que adiantou que será unha exposición moderna no fondo e na forma, que recolle os avances na investigación e no coñecemento e utiliza paneis e ferramentas multimedia, proxeccións e outros recursos actuais. Pretende «provocar unha experiencia» e está orientada para todos os públicos, acrecentou.

Antonio Rosell manifestou que será unha mostra dinámica. Disporá dun catálogo electrónico, medios audiovisuais entre eles seis «pantallas espectaculares», e outros, a partir da vinculación das documentacións afonsí e galega. Entrevistas a especialistas como Elvira Fidalgo, estudosa de literatura medieval; Francisco Prado, de historia da arte; o músico Carlos Núñez; Eduardo Cebreiro, quen falará da dimensión xurídica; e os profesores Helena de Carlos e Henrique Monteagudo, incidirán na relación de Afonso X con Galicia. Rosell resaltou a importancia das Cantigas de Santa María para o patrimonio lingüístico, cultural, artístico e musical galego.

«Repensar o que somos»

Anxo Lorenzo insistiu en que as Cantigas son un monumento da lírica medieval e referiu a oportunidade que suporá esta exposición para coñecer a consideración «un tanto peculiar» do que era o Camiño de Santiago segundo Afonso X. José Manuel Baltar lembrou a vinculación do rei homenaxeado con Maceda e puxo en relación a súa produción co descubridor de orixe ourensán Joám da Nova. Dolores Vilavedra afirmou que a exposición servirá para valorar situacións actuais a partir de Afonso X, como o plurilingüismo, a relación das ciencias e as humanidades, ou o modo de entender as fronteiras, entre outros. E para «repensar o que somos e algún dos desafíos que ten a sociedade galega» a partir do traballo político, literario, xurídico e historiográfico de Afonso X.

O Consello da Cultura Galega xa se ocupou da traxectoria e da produción de Afonso X en diferentes ocasións. No ano 2003 editou o Códice de Toledo, o menos coñecido dos manuscritos das Cantigas de Santa María, que reeditou; no 2010 difundiu un traballo da especialista Martha E. Schaffer; e no 2006 e o 2017 editou unha versión vocal das Cantigas, que coordinou Antoni Rosell, premiada como mellor disco de música clásica, onde se inclúe a última gravación de Manuel María, segundo lembrou Rosell.

 letras galegas de 1980

 «O máximo favorecedor da expansión do galego por todo o ámbito peninsular»

Afonso X foi «o máximo favorecedor da expansión do galego por todo o ámbito peninsular [...] coas súas poesías marianas [as Cantigas] se converte, polo número das súas pezas ­-perto das quiñentas, entre relixiosas e profanas- no poeta galego máis fecundo da Idade Media». Así o valoraba Ricardo Carvalho Calero, a figura do Día das Letras Galegas deste ano, nun artigo publicado en La Voz de Galicia o 17 de maio de 1980, cando esta celebración se dedicou a Afonso X. Insiste nos «maiores servizos» que, «como trovador e rei» prestou á lingua galega: «Cando morre Afonso X, o galego é a língua xeral peninsular para o xénero lírico», conclúe.