Megálitos


Menhires, dolmens e crómlechs son os tres principais monumentos que definen a arte megalítica que nace na fachada atlántica europea. Son estruturas feitas con pedras de grandes dimensións e construídas con algunha función que aínda hoxe está dentro do ámbito do especulativo xa que non está de todo clara. O máis probable, polos achados, é que fosen monumentos relixiosos, relacionados con antigos rituais funerarios pero tamén hai quen fala deles como elementos de demarcación territorial ou mesmamente con funcións astronómicas.

Os menhires son pedras ergueitas chantadas no chan e soen aparecer en solitario ou en diferentes aliñacións, a veces de centos deles como pode ser a de Carnac, no sur da Bretaña, onde tiven a sorte de estar e de ver as ringleiras interminables formadas por milleiros destes menhires, algúns deles de grandes dimensións.

En Galicia tamén se erguían este tipo de megálitos aquí denominados comunmente como pedrafitas e sen ser tan abundantes e espectaculares como na Bretaña si temos bos exemplos como o chamado A Lapa de Gargantáns en Moraña (Pontevedra) ou a Pedra Alta de Antela en Sarreaus (Ourense), entre moitos.

Os dolmens son construcións máis complexas formadas por varias pedras verticais que sosteñen unha grande laxa horizontal que as cobre. A palabra dolmen é de orixe celta bretoa e significa «mesa de pedra». En Galicia hai centos de dolmens e tamén de mámoas, medorras ou medoñas, que é como se denomina aos dolmens aínda soterrados. Como exemplos, o de Dombate en Cabana de Bergantiños (A Coruña), Chan da Arquiña en Moaña (Pontevedra) ou o de Maus de Salas en Muíños (Ourense).

Xa por último os crómlechs son un conxunto de menhires ou pedras fitas dispostos en posición circular. O máis coñecido no mundo é o de Stonehenge, pero aquí tamén temos algún como A Roda de Barreiros na Mariña lucense ou o que queda da Eira das Meigas no Monte Neme, entre Carballo e Malpica. En resumo, un patrimonio inmenso por valorizar como é debido, inzado de historias, lendas e tradicións que chegaron aos días actuais grazas á tradición oral.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Megálitos