Xavier Alcalá, máis alá das fronteiras lingüísticas

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Xavier Alcalá
O escritor Xavier Alcalá MIGUEL VILLAR

O autor inicia a venda en Amazon das traducións das súas obras

30 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Por que non mostrarmos os nosos textos en distintos idiomas alén das fronteiras do orixinal?». Esta é a pregunta que se fixo Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947) e a resposta vén de compartila na Rede: o escritor galego inicia en Amazon a comercialización directa das traducións das súas obras. Estréase con El calor de la ceniza, versión castelá do seu longseller A nosa cinza, á que seguirá Calamity Bound, o título inglés de Alén da desventura. A terceira referencia será unha nova versión de Tertúlia, «a miña homenaxe a don Ricardo Carvalho neste Impaís de xentes enfrontadas pola grafía», resume o autor.

Alcalá emprende esta «aventura editorial» da man de Amazon, pero advirte de que os orixinais galegos seguirán publicándose en Galaxia, a cuxo consello de administración pertence. A plataforma global permítelle non ter que pasar «polo funil das editoras tradicionais en mercados que nos ignoran» e prescindir de intermediarios na relación co público lector, ao xeito dos músicos que comercialización directamente as súas cancións. Iso si, o sistema de autopublicación, sinala o escritor, non distingue entre obras boas e malas, polo que aconsella aos autores que sigan este camiño que revisen a fondo o que queiran dar a coñecer. Ábrense tamén oportunidades de negocio: «Hai mercado para máis empresas que admitan orixinais e os fabriquen de maneira gratuíta para os venderen sen pasar pola canle tradicional», reflexiona Alcalá. «Claro, para que eses orixinais se vendan polo mundo, cómpre entregalos puídos e velaí o novo negocio das editoriais: editalos, depuralos».

A aposta do escritor e tamén enxeñeiro de telecomunicacións adquire un novo sentido se se pensa na cantidade de galegos e descendentes que forman unha diáspora espallada polo planeta, que contrasta coa aínda tímida presenza internacional das letras do seu país de orixe. «A experiencia de andar tantos anos por Bruxelas deixoume ver algo no que a diáspora pode ser unha grande vantaxe de Galicia: vin o que valía ter unha galega, María González Encinar, de directora do Instituto Cervantes, e como desde ese centro se podía amosar que Galicia ten un corpus literario competitivo. Como vin o [Xavier] Queipo e o [Xosé María] Sáinz Pena reinventar o Ulysses en galego [tradutores da obra de Joyce xunto con Eva Almazán e María Alonso Seisdedos]. Falta unha política de reatroalimentación literaria entre Galicia e a Diáspora», destaca. «En Bruxelas hai galegos tradutores profesionais a ducias de idiomas da Unión. Moito me gustaría ver A nosa cinza en húngaro, como poder ler clásicos húngaros en galego», conclúe.