Paco López-Barxas: ««Moitas das ideas da Xeración Nós non perderon a súa vixencia»

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Paco López-Barxas, retratado en Ourense
Paco López-Barxas, retratado en Ourense Santi M. Amil

O escritor e xornalista publica unha achega aos intelectuais de Nós mais un libro de conversas con Díaz Pardo e Neira Vilas

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco López-Barxas (Padrenda, 1952) vén de publicar Arredor de Nós (Teófilo), unha achega á aquela decisiva xeración nas vidas e obras de catro dos seus intelectuais máis senlleiros: Castelao, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas. «Trátase dunha homenaxe. Non é un libro erudito, nin un traballo de investigación, senón unha publicación que pretende divulgar a obra a figura dos persoeiros da Xeración Nós e para iso empreguei unha perspectiva amena, xornalística», explica. «Ese emprego da primeira persoa achégaos máis preto de nós, dálles a voz a eles, que xa teñen a palabra. A idea última é achegalos ao lector de hoxe, de calquera idade ou os que non coñezan a súa vida e os seus traballos. Por iso combinan biografía, anacos da obra, o que se escribiu sobre eles, en libros de formato curto que case se poden ler nunha viaxe de tren entre Santiago e Ourense», comenta.

-Precisamente os de Nós gustaban moito de percorrer o país. Aí están as súas «pelerinaxes» a Compostela, a Santo André...

-Eran moi dos camiños da vida, por dicilo coa expresión de Otero. El, ao igual que Curros, era capaz de cantarlle ao pasado que morre, sen deixar de ser moderno e do seu tempo.

-Unha modernidade que transcende épocas e que tivo unha influencia moi notable en Galicia durante todo o século XX.

-E que segue tendo. E hai que ter en conta a importancia dos que os precederon, os Precursores, o Rexurdimento, as Irmandades da Fala. A revista Nós actuou como un elemento aglutinador e reuniu a diversas personalidades, distintas, pero cun elemento de alta cultura, que querían unha nova Galicia, ese era o seu propósito. Entendían que a lingua era a ferramenta que necesitaba o país e trataron de renovar a cultura a través da prosa, pero tamén doutros xéneros, como o teatro.

-Que máis ideas destacaría súas como actuais ou necesarias?

-Son moitas as súas ideas as que seguen vixentes, das que aínda podemos aprender moitas cousas. Por exemplo, que a cultura desempeña un papel fundamental no desenvolvemento do país. Eran individuos dunha altura intelectual enorme, dunha calidade humana extraordinaria, cuns valores que poden marcar moitas directrices na nosa sociedade galega. Ou que Castelao puidese tirarlle das orellas a Risco e logo fundirse con el nunha aperta: iso é algo que boto de menos. E logo está o seu europeísmo, a súa apertura, para mirar a Irlanda, un espello no que Galicia podía reflectirse, ou Portugal, tan preto, e co que nos unen tantas cousas.

-O estoxo e os libros están ilustrados por Baldomero Moreiras.

-Fixo un traballo excelente a través das súas colaxes, e que está á altura do propósito da edición, que é un libro-xoia. Soubo investigar e captar moi ben esas personalidades e o seu mundo.

-E Edicións Fervenza vén de publicar un libro de conversas con Díaz Pardo e Neira Vilas.

-Titúlase Homes de palabra porque iso é o que eran. A de Díaz Pardo, ademais, data deses tempos tan tumultuosos nos que se veu afastado do grupo Sargadelos. Ademais, preparo un libro, Como vuelo de ave, sobre o pintor surrealista Iván Tovar, que faleceu en abril en Compostela, e tamén outro volume, epistolar, sobre outro pintor tamén surrealista, o portugués Artur Cruzeiro Seixas, falecido recentemente aos 99 anos, cando só lle faltaban 25 días para facer os cen.