«O que arde» obtén o Premio da Crítica de Galicia en cine

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O director Óliver Laxe, na presentación na Coruña da película «O que arde»
O director Óliver Laxe, na presentación na Coruña da película «O que arde» MARCOS MÍGUEZ

A asociación distingue dende hai 43 anos a actividade cultural galega

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o lema «A Nosa Fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir», de Ricardo Carvalho Calero, desenvolveuse onte en Vigo a cerimonia de entrega dos galardóns correspondentes a XLIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, que este ano estivo, como o resto das actividades, mediatizada polas medidas de seguridade sanitaria. A asociación cultural galega distingue as mellores propostas realizadas por un xurado en oito modalidades culturais e científicas.

Os xurados dos premios reuníronse de forma telemática
Os xurados dos premios reuníronse de forma telemática

A película O que arde, de Oliver Laxe, levouse o premio de Cine e Artes Audiovisuais. O xurado salientou da película as «resonancias da nosa lingua, a sabedoría dun atávico legado, a procura dunha emoción, o coñecemento mundo adiante».

A Festa do marisco do Grove foi distinguida co premio de Cultura Gastronómica por ser un evento cultural internacional, que convoca a máis de 200.000 persoas, que edita os seus catálogos en galego e catro idiomas máis, e que potencia os alimentos naturais do mar, paralelamente con dúas semanas de actividade cultural.

O premio correspondente ás artes plásticas recaeu na compañía Os Monicreques de Kukas, pioneira en Galicia nesta modalidade teatral. O artista Alfonso Costa, cunha traxectoria de cincuenta anos, gañou o premio de artes plásticas.

Pola súa parte, o premio de iniciativas culturais e científicas foi para GCiencia. Portal da Ciencia Galega polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega. A decana das compositoras galegas, Margarita Viso, recibiu o premio de Música.

A escritora Olga Novo
A escritora Olga Novo KALANDRAKA

O libro «Feliz idade», da poeta Olga Novo, gañou o galardón dedicado á creación literaria

Olga Novo, recentemente gañadora do Premio Nacional de Poesía, obtivo o galardón correspondente á creación literaria pola súa obra Feliz idade. O xurado salientou desta obra «a forza lírica coa que converte as vivencias persoais nun feito poético universal, enraizado no máis fondo da nosa propia identidade cultural».

Pola súa banda, o premio que distingue a mellor investigación do presente ano recaeu no traballo Anarquistas galegos en América , de Bieito Alonso. Subliñou o xurado desta obra «o entrelazado do tema da emigración a través de historias conectadas de homes e mulleres desde diversos puntos de América e Galicia».

Esta XLIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos, autor das figuras entregadas.